Opinión

Galiza e o AVE

Na Galiza o camiño de ferro tivo dende sempre moi boa sona entre nós, como ben amosa o poema que Curros Enríquez dedicou a súa tardía chegada a nosa terra identificándoo coa chegada do progreso. E segue a tela, como ben se pode constatar nas case unánimes reclamacións sobre a pronta chegada dos comboios de alta velocidade, isto é o progreso do século XXI, e isto a pesar de que un moi criticado estudo universitario recente, dirixido pola profesora Mar Gónzalez Savignat desmonta o mito da súa rendibilidade económica. Estudo, moito me temo, que ten toda a razón.

Alén das análises económicas, nas que non vou entrar, pois parece que as obras están avanzadas e non ten senso non rematalas, gustaríame enfatizar un pouco nas consecuencias políticas deste tipo de medio de transporte. O vello Lewis Mumford relatou xa hai tempo nun magnífico libro, Técnica e civilización, as consecuencias centralizadoras que teñen determinadas tecnoloxías e como reforzan o poder dos Estados fronte as periferias. Moito do que el di, referido no seu caso ás grandes centrais eléctricas, podería aplicarse ao caso dos camiños de ferro de alta velocidade. A electricidade non ten nada de malo en si, nen o ten a ferrovía, pero si o ten a forma en que son deseñados. A rede ferroviaria española foi deseñada, como na Franza, de forma radial e centralizada, de tal forma que as principais liñas comezasen e rematasen na capital dos seus Estados. Na Franza a famosa Estrela de Legrand centralizou o tráfico ferroviario en París (con graves problemas de circulación, sobre todo nas guerras, pois ao estar centralizado foi moi fácil de colapsar) e en España imitouse e segue a imitarse este modelo. As razóns da centralización eran claras en ambos modelos, primeiro o transporte fácil de tropas e de funcionarios dunha parte a outra do Estado e segundo a centralización do correo e a difusión da prensa “nacional” e os medios escritos en todo o territorio. O camiño de ferro xogou un papel fundamental na “nacionalización” dos territorios aínda non asimilados nos respectivos Estados. O problema é que o deseño actual da rede ferroviaria parece seguir o mesmo modelo de antes, e co agravante de que nos é vendida como un investimento que favorece o noso desenvolvemento. No pouco que eu sei estes comboios tamén transportan persoas e mercadorías de Madrid a Galiza e poden tamén ser correctamente vendidos como investimentos na capital, pois de feito un cidadán ou empresario de alí pode desprazarse el ou súas mercadorías (de posibilitarse esta opción) a calquera parte do territorio español, mentres que un cidadán galego só poderá facelo a Madrid, pagando os mesmos impostos. Lembra algo ao vello plano de accesos á Galiza do franquismo. Os únicos que parecen telo entendido son os gobernantes vascos, que sen oporse ao modelo van retrasando a súa famosa conexión cunha ou outra escusa. Para nós xa é tarde, pero creo que nunca está de máis pensar un pouco nas bondades dos investimentos que supostamente son polo noso ben. Timeo danaos et dona ferentes.

Comentarios