Opinión

Galeguismo e gastronomía

Os míticos debates entre piñeiristas e upegallos , hoxe vistos coa nostalxia de non ter debates desa altura no nacionalismo galego, e que tanto contribuiron a conformar a evolución do nacionalismo galego dende os anos 60 ate fai relativamente pouco tempo, tiveron a o meu ver  consecuencias non previstas en muito ámbitos da cultura galega. Unha delas foi o case total abandono do culturalismo no debate político galego.  A corrente políticamente trunfante, a que deu lugar ao actual BNG, minusvalorou nas súas análises os aspectos inmateriais da cultura galega e centrouse en cousas políticamente máis “serias”. Seus discursos centrábanse na libertación nacional cheos de referencias as luitas anticoloniais que gomaban por todo o planeta. Elaboraronse sofisticados análises sobre o carácter de clase no conflito lingüístico (ainda válidos hoxe en muitos aspectos) e teorizouse a introducción dos novos movementos sociais, como ecoloxismo ou feminismo, no discurso nacionalista galego, sendo pioneiros en muitas ocasións. Esta dinámica resultou nun movemento político de gran potencia, pero que esqueceu muitos aspectos inmateriais da nosa cultura. Os galeguistas vellos enfatizaban, en cambio, en aspectos máis culturais, incorporando un delicioso catonismo ao debate cultural galego. Escritos de Otero Pedraio contra o café de máquina, que acababa según el coa esencia do bar galego, ou as distribas de Risco contra o mantón de Manila, epítome da españolización da nosa terra,  o turismo, as acacias de bola o café con leite,   ou os licores españolizantes pasaron a mellor vida sendo relevados por debates políticamente máis serios pero muito menos sentimentais.

Unha das vítimas principais deste debate foron os estudos sobre a cociña galega. Un dos elementos do imaxinario cultural dun povo é súa cociña, é maís éun elemento unificador alén das disputas políticas  e polo tanto un factor vital de coesión social. Os galegos poden discutir de política na mesa pero comparten case sempre os mesmos pratos e sabores. Raro é o galego, sexa centralista ou nacionalista, que cando lle piden algunha definición do que significa para eles ser galego non teña na súa mente os sabores e cheiros da súa infancia. Por eso é unha magoa non ter aprofundizado máis no discurso culinario para construir unha comunidade. A tarefa emprendida por dous vellos conservadores, Picadillo, xurista (defendeu a Curros Enriquez no seu intento de censura) e político conservador  de comezos de século XX,  e  Alvaro Cunqueiro de  fixar un canon da cultura  culinaria galega non tivo continuidade no galeguismo moderno. Por certo as posturas culinarias  do alcalde conservador coruñes son muito máis ortodoxas cas do galeguista Cunqueiro es especial nas formas de servir e cociñar o polvo, nas que este último acepta fórmulas de orixe español ou na crítica ao afrancesamento dos restauradores galegos do seu tempo, como unha especie de neocolonialismo culinario.

O certo é que salvo raras excepcións non se ten incidido muito no debate teórico do galeguismo nas cuestións da gastronomía e os rituais culinarios galegos. A rapazallada moderna adquire seus hábitos culinarios na televión ou nas redes e descoñece o xeito de misturar unha sardiña co pan de millo, non sabe usar as cuncas nas tabernas ou xa non mollan as rosquillas da festa no viño tinto como sobremesa. E isto tamen é unha perda cultural de muito calado.

Comentarios