Opinión

Fráxil e antifraxil

A pandemia fixo que un dos ensaios de Nassim Taleb, O cisne negro, acadase grande popularidade. Neste libro o seu autor argumenta contra a arrogancia de moitos modelos de previsión económicos afirmando que de vez en cando aparece un evento imprevisto polos modelizadores e que bota ao traste todas a previsións e distorsiona de forma grave o normal funcionamento de economías e sociedades. Pola contra non se falou case nada doutro dos seus libros, complemento do anterior, titulado en galego-portugués Antifrágil, que entendo podería explicar algúns dos problemas relativos á xestión desta crise. Neste libro critícanse os principios que rexen os deseños de organizacións e institucións públicas e privadas e como estes poden levar ao desastre de inspirarse en principios inadecuados. O autor discute os principios de eficiencia e optimización que caracterizan as organizacións do noso tempo e prefire pola contra deseños non tan óptimos pero si máis resistentes e adaptábeis a calquera situación.

Os sistemas cartesianos e lineais, son en efecto idóneos para conseguir a mellor cantidade de produción de bens ou servizos a un menor custo, e en principio parece razoábel seguilos. A produción tipo just in time elimina custos de almacén e fornece de acordo coa demanda de bens. Os sistemas sanitarios tipo NHS británico (do estilo do noso, no cal foi inspirado) tentan fornecer a maior cantidade de servizos sanitarios posíbeis cun orzamento dado. Ambos sistemas tentan evitar duplicidades e redundancias e aproveitar as vantaxes da escala. En principio non parece mala idea racionalizar o uso de recursos en condicións normais de funcionamento, pero o problema é que son sistemas centralizados e polo tanto moi fráxiles. Basta cunha pequena interrupción na cadea de subministros dunha peza ou dun insumo para paralisar por completo o sistema enteiro. Non é só cuestión de cartos, pois aínda que importen, un sistema fráxil pode verse desbordado simplemente por unha mala política de compra centralizada e aínda que o resto dos sistema estea intacto non funcionará.

Taleb propón o deseño de sistemas antifráxiles, isto é, deseñados para ser sólidos e non romper. Isto implica redundacia, duplicidades e unha visión distinta da escala que teña en conta máis a resiliciencia que a optimización. Por exemplo, as cadeas de subministro de comida e bens básicos no noso entorno son múltiples, pois contamos cunha rede europea de gran distribución, outra estatal, unha galega, e redes locais e de autoconsumo. Aparentemente cunha soa ben deseñada bastaría e abarataría custos, pero como pode observarse e moito máis difícil que quebren as catro a vez e ficar desabastecidos.

No sector público podemos observar como os sistemas sanitarios públicos centroeuropeos tipo alemán ou suízo comparten este principio. Son sistemas asociados a caixas de enfermidade que a súa vez pactan con aseguradoras e polo tanto constitúen varias cadeas de centros sanitarios superpostas e solapadas. A súa forma é máis o dunha rede de pesca que o da roda dunha bicicleta e están dispersas por todo o territorio. Cada cadea encárgase do seu abastecemento e procuran ter stocks para si dos bens que precisan e obtéñenos de forma dispersa, non centralizada. Son, por tanto, moito máis resistentes ao infortunio. Son máis caros a curto prazo pero intúo que a medio prazo van ser ben máis baratos.

Comentarios