Opinión

O fracaso do españolismo español e a reivindicación dun españolismo galego

Igual que a ausencia de partidos galeguistas de dereitas, nunha terra que pode contarse sen dúbida entre as máis conservadoras de Europa, eleitoralmente falando, pode considerarse unha anomalía tamén a ausencia de partidos claramente españolistas no ámbito da dereita. A integración dos nacionalistas de dereitas no PPdeG hai xa máis de 30 anos se ben os desmobilizou como forza política tivo o efecto de virar cara ao galeguismo, tanto no discurso como na praxe a esta forza, de tal forma que a día de hoxe constitúe unha anomalía tanto dentro do seu partido a nivel español como dentro das forzas de dereitas en xeral, pero algo común no seu espectro a nivel europeo. Lembremos que as dereitas españolas dende Cánovas até hoxe asumiron en boa medida un discurso xacobino e centralista impropio da súa doutrina (lembremos que o conceito de esquerda foi inventado na Revolución Francesa e era caracterizado por un centralismo absoluto, pola disolución das unidades políticas tradicionais como os parlamentos dos vellos reinos e pola supresión das linguas rexionais). Se ben o PPdeG por razóns estratéxicas adoptou un discurso galeguista non así o fixeron de momento os seus rivais no espectro da dereita, polo menos no marco político galego. Se ben no PPdeG houbo sempre españolistas, estes tamén ficaron subordinados á política xeral do partido e tiveron que adaptar o seu discurso ao oficial do partido deixándoo sen expresión política organizada. De feito as súas expresións non son tanto políticas como do que os teóricos chaman nacionalismo banal (seleccións e clubes de fútbol, xogos olímpicos, determinadas músicas, festivais como Eurovisión, etc) ou expresións de lealdade simbólica aos símbolos estatais na Galiza. O PPdeG neutralizou o galeguismo pero isto tivo costes tamén para os sectores españolistas.

Nos últimos anos, en cambio, pódese observar como chegan á Galiza tanto discursos como organizacións claramente políticas intentando introducir na Galiza unha sorte de españolismo político de corte xacobino e centralista, pero sen ter até o momento moito éxito, alen de algúns bos e efémeros resultados, case sempre nas eleccións españolas. E por que non é quen de consolidarse? Basicamente por dúas razóns. A primeira é a carencia dun discurso acaído ás realidades galegas. Os problemas que poden preocupar a un votante galego de ese espectro non son nen os mesmos e de selo non o son da mesma forma que noutros territorios. Traer aquí un discurso de defensa da Constitución e do progreso, pensado pola esquerda progresista constitucionalista catalá ou de reacción contra a inmigración nun país como o noso cunha baixa inmigración estranxeira non creo que venda moito. Ou discursos lingüísticos pensados para outras realidades. De querer facer un discurso propio deberían enfatizar nunha sorte de populismo rural, do tipo de defensa da caza ou contra as regulacións da Xunta que nun discurso de defensa do marco constitucional. E segundo, o propio deseño centralista destas forzas impide consolidar organizacións eficaces ou dar a coñecer líderes que coñezan ben o país desde súa perspectiva. De querer facer algo terían que inventar unha sorte de españolismo galego, pero témome que o espazo xa llo teñen collido.

Comentarios