Opinión

Exército europeu. Para que?

O alto representante de asuntos exteriores da UE, Josep Borrell, voltou o outro día a reiterar a importancia de termos un exército propio dos europeos para poder ter a capacidade de mobilizar tropas da mesma forma que Estados Unidos o está a facer. Eu non gosto de tal proposta. É máis, considero que sería desastrosa e contraproducente, producindo aínda maior inseguridade e posibilidades de conflito.

O primeiro que habería que discutir nun exército europeo é para que se quere un exército tan grande. Para defender as fronteiras de Europa seguro que non, pois non hai ameazas bélicas a grande escala no espazo do noso continente. Os exércitos normalmente deberían ser adecuados aos rivais potenciais e á súa forma de entender o conflito. Isto é, se o inimigo potencial é outro exército estatal, entón o noso debería ter unha forma axeitada. Se os inimigos son non convencionais, isto é terroristas, narcos, mafias ou grupos semellantes, o deseño da defensa debería ter en conta este feito e adaptarse. Un portavións, por exemplo é unha arma típica da guerra fría que serve para deslocar forza aérea e combater a outros estados ben lonxe da casa, pero non é de utilidade para combater o terrorismo islamista nin as mafias organizadas. Para combater a estes pode ser de máis utilidade usar hackers ou servizos de información.

Tamén é relevante para o deseño dunha forza armada aquilo que se quere defender, isto é, se queremos defender estritamente o territorio do proprio estado ou se o que se pretende é arranxar todos os problemas do mundo. As necesidades de tropa e equipamentos son moi distintos así como a propria estrutura dos exércitos. No segundo caso pode ter lóxica un exército con capacidade de proxección internacional do estilo do que propón o señor Borrell. Pero indicaría unha lóxica asimétrica neoimperial no senso de que os europeos terían o dereito de intervir fóra das súas fronteiras mentres que os doutros países non terían dereito a intervir nos nosos. Ademais este tipo de exército multiplicaría as opcións de conflito dado que tería que intervir nos conflitos nos que se vexa involucrado cada un dos países membros. Tropas galegas terían que ir por exemplo a combater en Malí ou Burkina Faso porque así lle interese a Franza ou daneses despregarse na fronteira de Marrocos ou portugueses nas fronteiras de Lituania. Ao final por estar tan unidos temos que estar en conflitos que nin imaxinaríamos con xente que nada nos fixo nin nos ameaza. Sen contar co feito de que algunha parte entre en conflito sabendo que vai ser apoiada por tal exército, e que doutra forma pensaríao moito. Un exército europeo de grandes dimensións non parece ter moita lóxica para depender o estrito territorio de Europa dunha amenza estatal dado que non existen inimigos estatais próximos e para respostar as ameazas de novo tipo, como o terrorismo, o tamaño non só non disuade senón que atrae, ao incrementar a repercusión do atentado e facelo a escala continental.

Non pinta ben tal exército e ademais de que non está moi claro quen decidiría nel, todo apuntaría a unha sorte de exército pensado para resolver os problemas externos das potencias europeas sen atender as posibles necesidades de defensa dos pobos europeos. Alfredo Brañas nas súas “Bases generales del regionalismo” reclamou a posibilidade de ter institutos armados na “Rexión”. Quizás as dimensións deste exército sexan máis adecuadas para as necesidades de defensa dun pobo pacífico como o noso. Nin era absurdo antes nin o é hoxe.  Estes debates non se dan hoxe no nacionalismo galego, pero dende logo se non o damos nós outros farano por nós.

Comentarios