Opinión

Eólica mariña non

Estou a ler numerosas críticas aos proxectos de instalación de plantas eólicas nas nosas costas, que seica van afectar gravemente o noso sector pesqueiro. Como no caso das terrestres, a crítica non se centra tanto na tecnoloxía como no lugar ou a forma en que se instala. Parece como se a xeración eólica fose unha boa solución pero algo que ninguén quere perto da súa casa ou que lle afecte ao seu sector produtivo.

Parece unha postura un pouco forzada porque, por un lado, os críticos non queren deixar de ser progresistas e ecoloxistas, características asociadas non sei por que ás eólicas, dados os enormes custos ambientais que ten a produción dos materiais que precisa e a pegada ecolóxica que deixa alí onde se instala, pero, por outro, son conscientes dos prexuízos concretos que pode traer a súa instalación.

A única postura que percibín que quere apartarse desta liña foi as dos representantes do sector pesqueiro que reclaman incluso a prohibición da instalación desta tecnoloxía, de afectar ao seu sector. Esta é a liña correcta de afrontar o problema pois a outra é, na miña opinión, autosubversiva e contraditoria, ademais de que non dá localizacións concretas onde situar, facendo unha chiscadela a William Blake, tan satánicos artefactos. 

E razóns non faltan para oporse a eles sen ter que recorrer a eufemismos ou ambigüidades, pois implicaría substituír un sector de funcionamento probado e de gran valor económico como é o pesqueiro por unha tecnoloxía de futuro incerto que vai producir un ben, electricidade, do que xa somos exportadores netos e cuxa rendibilidade producida desta forma é, cando menos, discutíbel. Este tipo de enerxías non pode competir aínda en fiabilidade nin en prezo (precisan de apoio) coas agora verdes nuclear e de ciclo combinado, e non pode por tanto ser considerada unha fonte fiábel para industrias electrointensivas que precisan de modularidade e fiabilidade de subministro.

Depender dese tipo de enerxías e condenar esas empresas á desaparición é o mesmo. Un goberno nacional ten que telo en conta antes de sacrificar sectores punteiros ás expectativas incertas de novas enerxías, como acaban de facer alemáns e italianos ao frear o decreto de transición eléctrica do automóbil que conduciría esta industria case á desaparición. Os franceses están a armar unha alianza nuclear con outros Estados ademais de expandir a súa propia, e as nucleares de nova xeración baten ben en potencia e fiabilidade a todas as eólicas mariñas xuntas.

Un mix enerxético con base nuclear probabelmente sexa moito máis barato que un eólico, o que fará que teñamos que asumir forzosamente unha enerxía non competitiva, coas consecuencias que ten, ben que a electricidade de orixe eólico non atope compradores. E cando a burbulla renovábel estoupe, teremos chatarra nas nosas costas que non haberá quen a retire.

Todo ese esforzo investidor vai ter pouca xustificación porque non vai dar transición enerxética algunha ou, cando menos, non vai ser das dimensións que a Comisión Europea pretende. Só hai que ver o que acontece cando hai unha crise económica, aínda de modestas dimensións, para constatar que as grandes potencias industriais europeas non están dispostas baixo ningún concepto a sacrificar súa industria en prol de enerxías verdes.

Non só están paralizando o desmantelamento de centrais nucleares ou de gas se non que están (estamos) a queimar carbón nas nosas térmicas. Sacrificar a nosa industria pesqueira polo conto da leiteira da eólica só se xustifica se o que se quere é que as eléctricas e as súas asociadas obteñan rendas. Non son partidario de prohibilas, contentaríame con que non as forzasen e, sobre todo, con que non as subvencionasen. Bastaría.

Comentarios