Opinión

Enerxías

As protestas contra a transformación de amplas zonas do territorio galego, moitas de gran valor estético ou ecolóxico, en parques dedicados a obter enerxías renovábeis, principalmente eólicas, non son máis que un síntoma dos erros que se están a cometer na forzada transición enerxética decidida en lugares ben afastados do noso país, pero que contan aquí con apoio de todo o espectro político sen excepción.

Ás veces poden oporse a algún emprazamento concreto pero non hai cuestionamento do cambio de paradigma enerxético aínda que leve por diante non só a paisaxe senón boa parte da industria galega con ela polo incremento de custos á hora de producir electricidade. Da mesma forma que o "consenso" sobre as bondades do eureopeismo impide despois a posibilidade de poder corrixir a súa deriva o consenso enerxético leva a nin sequera poder discutir o actual modelo e moito menos poder modulalo. Porque o debate non é sobre a mudanza do clima ou o medio ambiente, senón sobre cales poderían ser as consecuencias e sobre todo que tipo de medidas tomar ao respecto, cal debe ser a intensidade das mesmas e, por tanto, se debe ser extendidas a todos os países ou só a algúns.

De nada valería a efectos climáticos que nos fixeramos todo o esforzo se ao tempo a China segue a incrementar o número de centrais de carbón como está a facer. Todos estes son debates pertinentes e non se están a dar, validando por conseguinte as posturas "oficiais". O nacionalismo galego faría ben en discutir destes temas, pois constitúen unha potencial ameaza á definición das nacións e seus espazos de soberanía. Da mesma forma en que o discursos do ecoloxismo orixinario pode ser encaixado dentro dun discurso da nación galega, como xa se ten feito, o globalismo ambiental en cambio ten moitos puntos de conflito potencial cun discurso nacional e máis se se trata de nacións pequenas como a nosa.

O discurso da nación pode neste caso ser subordinado a outros discursos en clave global e nos que carecemos de capacidade de influencia. Moito me temo que as protestas van seguir e con razón. O problema é que se se quere obter enerxía desta forma a localización dos xeneradores ten que ser onde se dean as condicións adecuadas, isto é onde haxa vento ou de ser o caso sol, e non onde lle gustaría a xente que deba estar. Isto pode ser feito en centrais tradicionais pero non nas de produción de enerxía "verde". Pero a isto pódeselle engadir unha outra cuestión, nunca discutida ata o momento e de se esta transición pode ou non ser feita con garantías, pois nunca ata o momento se ten dado na historia humana un plano de tanta ambición e en tan pouco tempo.

As transicións enerxéticas, como lembran teóricos como Vaclav Smil, adoitan abranguer longos períodos de tempo nos que conviven formas enerxéticas pasadas, presentes e futuras nun mesmo tempo. Os humanos mudaron da leña ao carbón, logo ao petróleo e máis recentemente a unha enorme variedade de formas de obter enerxía desde o nuclear ata as mareas ou a solar. Cada nova forma de enerxía foise impondo lentamente pero conservando sempre restos da anterior para algúns usos.

No proceso déronse moitos ensaios e foron rexeitados algúns usos, como o carro eléctrico a comezos do século XX por falta de autonomía e o custo das baterías. Pero este proceso nunca foi formulado, senón que cada nova enerxía tivo que probar as súas bondades antes de continuar e non tivo un prazo marcado. A cuestión é que agora nos atopamos cunha transición forzada pero sen saber cales van ser as solucións que se impoñan. Por exemplo, falamos de carros eléctricos pero vén puidera imporse o gas ou o hidroxeno: Non se pode saber, e por tanto, pode que moitos dos esforzos que estamos a pasar ao final non valan nada e todos estes investimentos fiquen arruinados. Non sería a primeira vez.

Comentarios