Opinión

Encol da monarquía

Pasado o día da Patria, sempre me veñen as ensoñacións do que tería sido a nosa terra de teren pervivido o vello Reino da Galiza e contar a día de hoxe coa nosa propia casa real como en Luxemburgo ou Dinamarca. Sería unha Galiza independente e conservadora, preservando as tradicións, mais ao tempo próspera e pacífica e ben inserida nos mercados mundiais tal e como son as pequenas monarquías centro e norteeuropeas. Sempre defendín que a Galiza independente debería imitar Noruega, que cando logrou a súa independencia a comezos do século XX escolleu a monarquía como forma de goberno cando estaba xa moi discutida, e non parece que lle teña ido moi mal desde aquela, nin no ámbito económico nin no político.

Non deixan de ser ensoñacións, pero que veñen a conto co debate que se está a dar sobre a propia figura da monarquía. As andanzas do rei vello desataron unha vaga de críticas que van alén da súa propia persoa e que afectan a institución, algo, ao meu ver, inxusto, pois cando é un presidente de república o afectado por prácticas corruptas (e hai uns cantos só nos países veciños), non é usado o mesmo argumento. Dado que non se discute habitualmente das formas de goberno, gustaríame tratar algúns puntos ao redor da Coroa.

O obxecto das monarquías modernas é despolitizar a figura do xefe do Estado facéndoa independente de ideoloxías ou partidos para conseguir unha sorte de símbolo unificador. Se o fai así, tende a cumprir a súa función, como a Raiña Isabel do Reino Unido á quen non se lle oíu unha palabra sobre a cuestión escocesa ou o sobre o Bréxit, a diferenza do actual rei de España, que si opinou sobre cuestións políticas coas consecuencias que agora se ven na súa recepción e Catalunya. A principal delas é que xa non é un símbolo de todos, senón de parte. O rei vello podería ter sido menos escrupuloso coa moral, pero nunca cometeu erros deste tipo e de aí súa capacidade de manter o trono durante tanto tempo. Un rei que saiba ocupar o seu lugar é potencialmente moito máis interesante de cara a estabilizar politicamente un país que un presidente de república, electo, e por tanto pertencente a algunha forza política que poida ter interese en debilitar a figura do primeiro ministro, sexa este do seu partido ou da oposición.

As críticas que se lle adoitan facer a esta institución son ben que é non democrática ben que resulta unha sorte de anacronismo no noso tempo. Ambas as dúas poden ser matizadas. Moitas das ideas e institucións que permiten o funcionamento democrático non o son. A propia idea da Galiza é histórica e non democrática. Conceptos como o do interese obxectivo da clase obreira usados polos marxistas non son resultado dunha votación mais operan politicamente. Principios como o da secesión non son democráticos, senón de dereito natural. O que sería democrático sería decidir se é exercido ou non. A propia democracia pasaría moi serios apuros para ser considerada como tal.

O principio monárquico non é democrático como moitos outros, o que se trata de ver é se mellora ou non o propio proceso político. En canto ao anacroconismo, é difícil determinar cando unha idea está ou non no seu tempo (do propio nacionalismo algúns progresistas din o mesmo), mais o único que sabemos é que está presente en varios dos países máis avanzados socialmente e máis prósperos do mundo. Se é un anacraconismo pero trae bos resultados, benvido sexa.

Comentarios