Opinión

Eleccións e organización de partidos

Cando analizamos os resultados electorais o primeiro que adoita chamar a atención é o ideario dos partidos políticos. As súas posturas a respecto do nacionalismo ou o españolismo, sobre a dereita ou a esquerda, sobre a cuestión social, o ecoloxismo, o feminismo ou calquera cuestión que sirva como divisoria para crear unha forza política é no primeiro que un se fixa. De aí que as análises posteriores se centren en dicir subiu ou baixou calquera destas ideas e interpretemos os resultados nestas claves, como a presidenta da comunidade de Madrid, que teme a suba do nacionalismo galego, ou os analistas que xa ven derrotadas as ideas das forzas rupturistas. Como se o nacionalismo gañase porque está de moda ou o rupturismo perdese por algún designio divino.

Os que desfrutan de vitorias ou padecen derrotas non son tanto os idearios como as organizacións políticas que os sustentan. E case ninguén e estuda ou analiza as organizacións de partidos, que poden conseguir que ideas con pouco apoio social teñan en cambio moitos votos e, ao revés, ideas con grande apoio social non se reflictan electoralmente (os galeguistas de dereitas, por exemplo, que nunca fomos quen de estabelecer organizacións sólidas).

Isto vese ben coa chegada de novos partidos. Na Galiza nos últimos anos apareceron unha serie de forzas novas, con desigual fortuna electoral pero co mesmo destino, o de ficar case na irrelevancia en tan breve espazo de tempo. Ao mesmo tempo, os vellos partidos con todo o desgaste que poidan ter fican todos reforzados e reparten os restos da nova política. Foron estes anos de experimentos políticos á dereita e esquerda e con máis ou menos os mesmos esquemas. Trátase de organizar un grupo de persoas novas con certa capacidade política, dotalos de programas e idearios adaptados ao público obxectivo da organización e despois facer moito uso dos medios de comunicación, tanto os tradicionais como as modernas redes sociais. O apoio variará segundo intereses dos grupos sociais que os financien e en moitas ocasións do propio poder, que os pode usar para dividir o electorado do rival ou para meter medo aos propios votantes e que se refuxien no coñecido.

Estes novos partidos non contan en principio con estrutura partidaria nin con presenza na sociedade civil, pero grazas á presenza continúa nos medios son quen de crear pequenos grupos de simpatizantes e configurar listas electorais, tuteladas desde a capital do reino (algo común en maior ou menor medida a todas as novas forzas). Tamén poden aproveitar a presenza de políticos procedentes de forzas consolidadas pero sen moito futuro nelas. Mais en calquera caso son partidos sen autonomía de seu e que fan uso de programas únicos para todo o Estado, con algunha pequena adaptación á Galiza no mellor dos casos. Estes partidos son moi endébeis. En canto os seus apoios mediáticos ou económicos deixan de estar interesados neles, son pasto fácil da descomposición. A isto sumáselle un falso democratismo interno usando modas norteamericanas como as primarias que só conducen á disolución interna.

Os partidos tradicionais escollen líderes e candidatos da forma tradicional, que é probadamente a mellor, e non dividen artificialmente a súa militancia. É esa estrutura efémera a principal causante da súa derrota e non un ideario equivocado. En política, como na economía, os mercados non están dados, fanse e fanse co tempo, algo que non parece ser entendido.

Comentarios