Opinión

Ecoloxismo e cuestión nacional galega

Tense debatido dabondo sobre o marxismo e a cuestión nacional. Existen bibliotecas enteiras nas que podemos comprobar o interese e a calidade do tema, aberto e suxeito a interpretación. Bótase en falta, pola contra, un debate semellante sobre a relación entre ecoloxismo e nacionalismo e en que medida poden ser compatíbeis ou non. O debate é máis difícil porque o ecoloxismo é un pensamento máis plural que o marxismo, que a pesar de contar con numerosas escolas e desviacións ofrece unha coherencia teórica mínima que permite discutilo e interpretalo. O ecoloxismo, pola contra, non ten uns principios mínimos compartidos, senón que está integrado por, cando menos, dúas tradicións principais sen moita relación entre si e moitas veces confrontadas, o que Dobson no seu libro sobre o pensamento político verde denomina ambientalismo e ecoloxía profunda, e cada unha delas dividida en varias correntes. A isto súmanse ideas emparentadas pero que non forman parte do corpus ecoloxista, como o ecofeminismo (considerado corrente feminista) ou o animalismo, centrado nos dereitos dos animais, mais que tampouco comparte moitos dos trazos do ecoloxismo tradicional ao non estar moi preocupado polo medio ambiente no seu conxunto. Por exemplo, os animalistas, como Kymlicka no seu Zoopolis, dan a benvida ás bioinvasións, pois a súa preocupación son os animais e non os ecosistemas. 

O ambientalismo (preocupación polo medio ambiente na medida en que afecte á calidade de vida dos humanos), si se pode englobar nun discurso nacional.

Ten a súa orixe en visións conservadoras do mundo que reaxían contra a industrialización e buscaban preservar o medio natural fronte aos desafíos da modernidade, de aí que tamén se coñeza como conservacionismo. A preservación da paisaxe, a fauna e a flora autóctonas, a loita contra a polución do ar e os acuíferos, o respecto á biodiversidade ou a reciclaxe e a defensa dun estilo de vida consumista foron incorporados ao discurso nacional. Risco, Castelao ou Otero Pedraio citan moitos destes principios nos seus escritos, desde a defensa das formas de vida galegas tradicionais ao consumo de froitas e verduras “nacionais” como a pera Urraca ou a maza Tabardilla, que figuran con honra nos grandes libros do nacionalismo Problema político de Galicia ou Sempre en Galiza. Os modernos ecoloxistas nacionalistas con organizacións propias inciden na conservación das árbores tradicionais, a loita contra as bioinvasións ou os excesos industriais como a enerxía nuclear e contribuíron en loitas como a das Encrobas a configurar o movemento nacionalista actual.

O conflito cunha praxe podería vir dalgunha das propostas da ecoloxía profunda. As ideoloxías tradicionais, marxismo, capitalismo, nacionalismo son humanistas e en xeral produtivistas, isto é, buscan por medios distintos unha mellora nas condicións materiais dos seres humanos e a natureza estaría para satisfacer as necesidades humanas. No biocentrismo é o ser humano quen ten que supeditarse ás necesidades do medio natural. Algunhas das súas propostas sobre pesca, agricultura ou industria poderían chocar coa actual organización dos sectores produtivos galegos e dificultaría a subsistencia dun proxecto nacional galego ao non poder recorrer aos mercados internacionais e ter que recorrer, por tanto, aos recursos dunha España autárquica (Galiza polas súas dimensións non pode selo). O mesmo acontece coa subordinación da economía galega ás necesidades de adaptación climática, que farían a Galiza subordinarse ás directrices de organismos mundializados se estes así o decidisen. Como no caso doutras ideoloxías do noso tempo, entendo que o nacionalismo galego debería discutir en que medida poden conciliarse, de poder selo, cos programas nacionalistas e non adoptalos sen previa discusión.

Comentarios