Opinión

En defensa de Polonia

O economista e teórico social libertario Murray Rothbard (por certo, declarado partidario da secesión das nacionalidades hispanas, incluída a galega) celebrou nunha ocasión unha sentenza xudicial que sancionaba unha intervención relativa á formulación urbana que limitaba os dereitos de propiedade. A sentenza establecía a competencia do concello fronte a pretensión do estado federal de liberalizar o chan. A sentenza en principio contradicía as ideas do autor, partidario da liberalización, pero celebrouna porque freaba a centralización do poder, aspecto que consideraba máis importante que a cuestión que se estaba a debater. Algo semellante ocorre no caso polaco e creo que non o estamos a ver. Teño claro que en moitas das políticas que se están a levar alí o “malo” é o Goberno polaco e a UE pode ter razón na cuestión dos xuíces, que é a que se discute, pero acredito que non é isto o que nos debe interesar a nós neste caso. A cuestión non está en tal ou cal medida, que pode ser revertida dentro dun par de anos cun novo goberno, senón se a UE ten capacidade de imporse sobre as decisións dun goberno soberano, e penso que aquí a mala é a UE. Porque neste caso se a UE se impón isto non vai poder ser revertido con tanta facilidade.

Os Estados norteamericanos antes da súa guerra civil se ben non tiñan claramente establecido un dereito explícito de secesión si o tiñan do que se coñece como nulificación, concepto pouco coñecido entre nós, e que consiste en deixar sen vixencia no territorio dun estado as leis emanadas da federación con que dito estado non estea de acordo. A todos os efectos implica soberanía e na práctica o dereito de se secesionar. Unha vez perdido este dereito, tras a guerra civil os estados ficaron relegados na práctica a meros órganos do estado central que dende entón podería imporlles as leis que entendera pertinentes. Moito me temo que imos pouco a pouco polo mesmo camiño. Podería ser o caso incluso de que unha hipotética secesión no espazo hispano fose vetada non polo goberno español senón polo da UE de seguir nesta liña. É ademais unha cuestión moi relevante, tanto na teoría como na práctica, no que se refire definición futura da democracia na nosa contorna. Estamos a discutir se a Comisión, un goberno de corte tecnocrático e sen referendo popular, pode imporse ou non ás decisións soberanas dun goberno con lexitimidade democrática, e eu non son para nada defensor desta fría forma de gobernar.

A cuestión non é a do contido das políticas que se toman senón da forma en que se toman, sometidas ao cálculo puro e usando deseños preestablecidos. Os tecnócratas non teñen en conta a sutileza das complexas relacións sociais que existen no seu dominio e arrasan con todo coa única fin de cumprir cos obxectivos “racionais” que teñen marcados. Cando penso neles penso no modelo de todos eles, o infame Robert McNamara, executivo da Ford devido en secretario de defensa de Kennedy e Lyndon Johnson, que aplicou formas racionais e sistemáticas de destrución do Vietnam. Pura técnica, nin sequera odio lles tiña. Aplicou a plan e arrasou con todo, con “bos” e “malos” ao mesmo tempo. Sei que a situación non é a mesma e os nosos tecnócratas non van aplicar os mesmos medios pero tamén sei que os seus principios de funcionamento son moi parecidos e non dubidan en desmantelar sectores enteiros da sociedade con tal de cumprir os plans que teñan trazado. E tampouco dubidan en facer referendos se non gostan do resultado ou en votar abaixo gobernos eleitos para os substituír por algún dos seus. En Grecia e Italia, que volveu ás andadas, saben ben do que estamos a falar. Sei que a causa polaca é difícil de defender polas políticas que están a levar aa cabo, pero tamén sei que dun xeito torcido e indirecto está a loitar polos dereitos dos pobos de Europa.

Comentarios