Opinión

En defensa do diñeiro en efectivo

O diñeiro é un ben co que os seres humanos modernos temos unhas relacións moi complexas e contraditorias. Forma parte íntima das nosas vidas tanto como a lingua ou a moral pero ás veces pódenos a dependencia que del temos. Tamén o significado e a actitude cara ao diñeiro varía segundo as culturas, véxanse os estereotipos sobre a avaricia dalgúns pobos ou da prodigalidade doutros, e forma parte da definición das mesmas. Non é de estrañar por tanto que nos procesos de construcións de Estados, ao igual que tentaron homoxeneizar o idioma ou os pesos e as medidas, tentaron facelo co diñeiro, que de ser internacional, pasou a ser un dos símbolos de soberanía do novo poder.

Os cidadáns españois non só debían saber falar español senón que tiveron que acostumarse a usar as pesetas españolas nos seus tratos comerciais, cando antes podían operar con calquera moeda con base nun metal precioso. Unificaron co resto de España pero separaron comercial e monetariamente co resto dos países cos que tiñamos trato. Aínda así houbo algo de resistencia cultural á imposición da peseta e case tivemos un sistema monetario propio cos nosos patacos e patacóns, cans e cadelas ou os míticos pesos cos que se aprendía a contar os cartos.

Co euro xa todo mudou e abandonamos as vellas contas, uniformando co resto dos europeos e usando cada vez máis todo tipo de artefactos dixitais (xa se fala de pagar co iris do ollo) perdendo a vella vinculación cultural que tiñamos co diñeiro físico. Só lembrar o infinito enxeño que tiñan os nosos maiores para agochalo ou incluso as rituais cadencias de pago que se facían antes nas feiras e que amosaban boa fe polas partes.

O último chanzo é o anuncio de ir limitando pouco a pouco o diñeiro físico até conseguir o obxectivo de facelo desaparecer por completo a medio prazo. Supostamente isto sería un grande avance tecnolóxico que faría máis cómodas as nosas vidas, ademais de supostamente eliminar a fraude fiscal e a economía mergullada, ao estaren suxeitas a control todas as ocasións nas que agora empregamos diñeiro físico. Mais entendo que esta non ha ser boa medida e non só polo antes apuntado de perda dun referente cultural de primeira orde, senón por varios motivos.

O primeiro é o de que abolir o diñeiro físico levaría a un control absoluto das nosas rendas polo Estado. Este podería inflar a moeda a vontade ou pór un imposto aos depósitos sen capacidade de resposta por parte da cidadanía. Creo que a teima por querer eliminar o diñeiro vai máis por aí que por querer reducir a incidencia do coronavirus. A segunda consecuencia sería o enorme control que terían os gobernantes sobre as nosas vidas, pois ao facerse os pagos electrónicos, estes han quedar rexistrados e os gobernantes han saber que compramos e onde o facemos. Saberán como vestimos ou que libros lemos ou que é o que comemos. Pero non é só iso, ao igual que acontece co billete de identidade ou o pasaporte, o relevante non é telos, o problema é que chos quiten. Nun sistema deste tipo, un exiliado ou un represaliado político ficaría sen recursos non só no país senón fora del. Bastaría con bloquearlle as contas, algo semellante ao que lle acontecería a inmigrantes sen papeis ou colectivos marxinais. É isto o que queremos?

Comentarios