Opinión

En defensa do cupo galego

Din que o vello libertario norteamericano Murray Rothbard afirmou unha vez que a maior achega na historia da teoría política hispana foi o concepto de foros, pois era unha moi eficaz forma de limitar o poder estatal, e eu concordo. Moitos sucesores contemporáneos dos primitivos inventores do concepto de esquerda política, os xacobinos franceses, opóñense en cambio a esta idea e afirman que nun mesmo país deben rexer as mesmas leis fiscais e que non son admisibles excepcións como os foros aos que despectivamente alcuman como reliquias medievais ou privilexios. Mais afortunadamente a Constitución española conservou parcialmente algúns aspectos do vello direito foral no País Vasco e Navarra na forma de direito destes a recadar seus proprios tributos a través das deputacións forais e logo pactar co goberno central un cupo polos servizos prestados. Isto implica tamén corresponsabilidade fiscal pois son estas comunidades as que fixan moitos tributos e intentan adaptar a fiscalidade ás necesidades do país. Os foros fiscais teñen ademais unha virtualidade moi interesante que os fai moi atractivos a ollos dos liberais económicos, a de establecer o que os técnicos chaman “competencia Tiebout”, isto é, a competencia entre territorios por ofertar unha fiscalidade máis atractiva, baixo a ameaza de “votar cos pés” e deslocarse a un territorio próximo. Non é de estrañar que os partidos da esquerda española defendan as competencias autonómicas excepto estas e buscan a recentralización fiscal.

Afortunadamente o nacionalismo galego foi neste aspecto fiel ás súas raíces e propón a recuperación para Galiza dalgunha forma de foralidade fiscal que permita a Galiza establecer seus propios tributos, ou cando menos recadalos, e despois negociar o pago dos servizos que preste o goberno central. Isto non só contribuiría a facer moi difícil as subas fiscais senón que obrigaría a certa responsabilidade tanto na recadación como no gasto público ao non poder contar cun ente central que se faga cargo das nosas débedas ou dos nosos malos investimentos, como acontece noutras comunidades autónomas. O sistema fiscal actual prima o gastador sobre o aforrador e establece un sistema de incentivos non só moi perverso para os que cumpren ben coas contas, como a nosa comunidade, que leva anos cunha, ao meu entender, correcta política de estabilidade orzamentaria, senón tamén porque leva a que os gobernos adopten, por puro pragmatismo, políticas de gasto nocivas non a curto, pero si a medio prazo.

Moitos economistas din que a curto prazo tal medida sería prexudicial para Galiza, pois podería perderse financiamento. Non o dubido, pero sempre e cando o goberno central cumpra coas súas promesas, de achegas monetarias. Se non as cumpre ou maltrata financeiramente a nosa comunidade, para favorecer as máis imcumpridoras, que ben podería ser o caso, creo que o noso goberno comezará a votar de menos non ter o control do que recada, e a reclamar un financiamento como o vasco, algo, por certo, que sería plenamente coherente co ideario que din defender

Comentarios