sábado 23/01/21

En defensa da historia

As nacións modernas adoitan fundarse nunha serie de trazos obxectivos que a diferencian do resto dos pobos e que serven para establecer unha consciencia social que poida servir de fundamento para súa autorganización. Varios poden ser estes trazos, e na maior parte dos casos os movementos primeiro rexionalistas ou nacionalistas adoitan usar algún deles ou unha combinación dos mesmos para visibilizar a súa reivindicación. Dispor dun idioma propio adoita ser o elemento máis evidente á hora de establecer un principio de autoidentificación e ten sido de lonxe un das características máis usadas con ese fin. De aí tamén que os contrarios a ese proceso de autoidentificación tentasen en moitas ocasións acabar con esta distinción ben eliminando o seu uso a través do sistema escolar e administrativo ou ben dialectalizandoo ata facelo case indistinguible da lingua “principal”, se estes son semellantes ou parten dunha raíz común, como se ten feito nos países de lingua latina como Franza, Italia ou España. O segundo trazo é o relixioso, que historicamente ten sido máis poderoso que o lingüístico á hora de conformar comunidades. Foi o principal motor de reivindicación dos polacos ou dos irlandeses e explica a partición política de Flandes e Holanda. O terceiro é a consciencia de ter unha historia común ao longo de moito tempo, isto é unha sorte de memoria colectiva do pasado que una simbolicamente un pobo. De aí que case todos os países constituídos estatalmente conten cun relato histórico, máis ou menos mitificado, do seu pasado. A xeografía, especialmente a insularidade, a etnia no senso amplo ou máis recentemente a vontade cívica ou constitucional son tamén posibles fontes de identificación popular, a última é común nos Estados xa establecidos.

Os precursores do movemento nacionalista galego incidiron especialmente na historia e sen descoidar os outros trazos centraron o seu discurso nela, e cun éxito popular bastante grande. Pensemos no celtismo ou en Santiago Apóstolo, ambos triunfantes no imaxinario popular, con independencia de se resisten ou non unha análise histórica rigorosa. Incluso os menos galeguistas dos nosos paisanos amosan certa querenza por estes símbolos cando se refiren á Galiza, algo que teño comprobado en moitas ocasións e que é ben presente en numerosos símbolos populares, desde a hostalería, establecementos comerciais ou representacións musicais como a música celta. O nacionalismo moderno, quizais por razóns ideolóxicas ou estratéxicas, optou por pór en primeiro lugar o idioma e subordinar os factores relixiosos e os históricos, aínda que estes últimos algo menos. É mais, en ocasións o idioma foi ligado a elementos de clase social, quizais para darlle un ar de reivindicación ao movemento nacional. Mais podería non ser boa estratexia fiar a construción dun movemento nacionalista baseándose só no aspecto idiomático. Precísanse doutros piares tamén. Campañas, por exemplo, como as que fai O Galo en Compostela e que me fixeron coñecer a existencia das tumbas dos antigos reis da Galiza (non de Asturias, tal como eu acreditaba, ao igual que o frade ao que se refería Francisco Rodríguez o outro día neste xornal) na nosa Santa Catedral. Ou aqueles cartaces da vella A Nosa Terra sobre os reis galegos que tanto me chamaron a atención e que aínda conservo. Precisamos coñecer a nosa historia, a política e a relixiosa, e estou seguro de que co tempo o noso idioma rexurdirá con ela.

comentarios