Opinión

En defensa da distribución

Hai sectores na vida económica que contan desde sempre con mala imaxe e outros que pola contra parecen estar dotados por nacemento de boa fama. É algo que parece respostar a algún tipo de prexuízo atávico e que se dá en case que todas as partes do mundo. Os sectores dedicados á produción directa de bens e servizos gozan desde sempre de respecto e de certo prestixio que os leva a ser considerados como sectores estratéxicos e que son defendidos e protexidos en caso de teren problemas económicos. Agricultores, pescadores, mineiros e obreiros en xeral forman parte entre outros deste colectivo. En cambio outros sectores, por algunha estraña razón, non gozan desta fama, ao revés, pártese con enorme desconfianza a respeito deles e son vistos en moitas ocasións como parasitos que viven e obteñen lucro do traballo do outro sector.

Normalmente isto débese a que seu tipo de traballo non consiste na fabricación ou manufactura de bens, senón á manipulación de símbolos e, polo tanto, o contido do seu traballo fica descoñecido aos ollos da maior parte da populación. Son exemplos deste grupo todo tipo de intermediarios, tratantes, asentadores, financeiros ou en xeral todo o que chamamos o sector da distribución, sexa de bens como de diñeiro. Tan mala opinión tense deles que moitos din que boa parte dos problemas que afrontan moitos sectores produtivos serían solucionados se estes colectivos fosen eliminados e se producise algunha sorte de intercambio directo entre produtor e consumidor. Nada menos certo. De eliminarse o sector da distribución moi probabelmente pasase todo o contrario: baixarían as rendas na orixe e serían moito máis caros para o consumidor.

Imaxinemos, por exemplo, que gosto das bananas ou dalgún produto galego como as patacas da Limia ou de Coristanco. En ausencia de distribución, estes produtos costarían centenares de euros no primeiro caso e decenas deles no segundo, que sería o que coste de transporte desde alí até Vigo máis o custo do tempo perdido. Sen contar coas mermas no transporte ou o custo de almacenalas na casa. Á súa vez, a procura deste tipo de bens sería moito máis reducida, dado que poucos poderían asumir o custo de adquirilas e a capacidade de venda global do produtor primario sería moito menor. Ademais, permite unha mellor escada de produción e certa capacidade de previsión de prezos, e por tanto, permite estimar aínda que sexa malamente as rendas a obter. Unha boa estrutura de distribución e financiamento permite incrementar a demanda dos nosos produtos aumentando polo tanto o seu prezo e a cantidade vendida. Por iso é vital para Galiza contar con múltiples redes de distribución e de calidade, e creo que en boa medida témolas.

Non é doado entender isto, primeiro porque é contraintuitivo e segundo porque tivemos moito tempo de prexuízo contra sectores que supostamente non só non fan nada senón que poden incluso ser daniños. Pero por desgraza moitos dos problemas que agora temos coas máscaras, medicamentos e outros útiles de protección contra a pandemia débense a que o Goberno central non o entendeu e rompeu coa súa centralización moitas das redes de distribución destes. E de nada vale unha máscara na China, precisámola aquí.

Comentarios