Opinión

Débeda pública

A xestión da débeda pública non é algo moi coñecido alén dos especialistas. Nin nas escolas nin nos medios de comunicación adoita explicarse nin sequera os seus rudimentos e só é noticia cando ha algún impago ou algún disturbio social ocasionado directa ou indirectamente coa súa mala xestión, de aí que queira neste artigo falar un pouco dela. Tampouco adoita ser estudado nas academias militares a pesar de que pode ser unha arma económica de destrución masiva capaz de ocasionar a pobreza de millóns de persoas ou desestabilizar social ou politicamente un país, chegando incluso a derrubar gobernos, como puidemos ver non hai tanto tempo en Europa. Son basicamente as crises de débeda as que levan a recortes en pensións ou outras prestacións sociais, e tamén, en última instancia, son o factor que explica as inflacións modernas, pois a débeda pública é transformada en diñeiro bancario nas xanelas de desconto dos bancos centrais.

E moito temo (oxalá estea equivocado) que oiremos falar en breve dela outra vez.

Os británicos deron xa o primeiro aviso. Como é sabido, a suba de tipos implica que a remuneración da débeda pública sobe tamén, o que a converte nun activo moi atractivo para o inversor, pero a costa do servizo da mesma, isto é, o que os estados destinan a pagar xuros vai necesariamente subir tendo que detraer fondos doutros gastos públicos. De feito as crises de débeda como a grega son por non poder pagar os xuros, non o principal que case nunca se paga, pois normalmente cando vence é trocado por outro título remunerado ao novo tipo. Pero dado que a suba de tipos só afecta aos novos bonos este non é de momento o principal problema. O problema vén porque os títulos vellos de débeda perden boa parte do seu valor cando imos vendelos a un mercado para recuperar o diñeiro en caso de necesitalo e non querer esperar os anos que faltan ata o seu vencemento. Os que investiron, por exemplo, en débeda a dez anos ao 0,25%, que era o tipo habitual ata hai pouco, verán como boa parte dos seus aforros se esvaecerán no ar, dado que ninguén quererá compralos, xa que os novos poden estar pronto no 4 ou 5%. Terán que agardar oito o nove anos para recuperar o investimento ou vender con fortísimas perdas. Fondos de pensións, incluídos os famosos fondos de reservas da seguridade social (ou o que quede deles se queda algo) tamén verán reducida súa capacidade de obter liquidez. Outro problema grave, pero non o peor. O peor é cando eses títulos de débeda, como aconteceu no Reino Unido, foron usados como garantía para obter préstamos ou se emitiron produtos financeiros derivados tales como seguros de impago contra eles. Aqueles que prestaron co aval destes títulos atópanse agora que teñen un ben, débeda pública, que non cobre o monto do préstamo e convértense eles mesmos en insolventes tecnicamente coas consecuencias que isto pode ter para súa viabilidade futura. Tamén os que aseguraron o valor deses títulos contra flutuacións poden ter problemas de solvencia, o que afectará sen dúbida a outros sectores. Polo que leo aquí non estamos especialmente expostos a este tipo de riscos e polo tanto non acredito que os danos, neste sentido, sexan especialmente graves, pero algún tipo de dano haberá e afectará, como non, a aforradores e investidores que confiaron na débeda pública. O que si sei e que as alegrías co gasto público e co déficit han rematar tarde ou cedo.

Comentarios