Opinión

Os custos sociais da transición enerxética

Hai uns días informábase neste xornal dunha estimación que prevía a perda de varios miles de postos de traballo na Galiza como consecuencia da prevista transición dos automóbiles de combustión a eléctricos. Todos os fabricantes de compoñentes relacionados coa combustión terán que adaptarse, se poden, ou fechar as súas plantas. Non só iso, irán lentamente desinvestindo ou non renovando os equipamentos ou as plantas de produción dado que non sería lóxico mellorar ou manter unidades produtivas condenadas á desaparición.

Algo semellante xa está a ocorrer coas plantas de refino ou cunha morea de industrias, dende talleres a gasolineiras que non teñan opción de reconversión, pois aínda non está claro que modelo de recarga vai ser implantado. Moitos traballadores viven coa incerteza de que vai acontecer cos seus traballos en só dez ou doce anos, e non parece a mellor situación para adquirir unha vivenda ou buscar estabilizarse na vida o de que o teu traballo e experiencia pouco vaian valer nuns anos. E todo a causa dunha transición denominada ecolóxica, que está por ver que o sexa tanto, pois depende da forma en que se obteña a electricidade, podendo ser como na China que o eléctrico alimentado con enerxía derivada da queima de carbón emita máis có diésel, que eu dubido muito que se leve adiante, polo menos nos prazos previstos pola UE.

E non só porque non pareza moi prudente sobrecargar a rede eléctrica coas recargas deste tipo de autos agora que se están a esixir reducións substanciais no consumo eléctrico, chegando incluso a racionamentos ou apagamentos (non sei como se recargarían nesas circunstancias), senón porque a substitución de millóns de carros en tan pouco tempo non é factíbel, nin a creación de infraestruturas adecuadas para eles, abandonando moitas das que xa temos. Sen contar que nunca se fai o custo en emisións de fabricar millóns de autos novos e achatarrar coches en bo uso, un magnífico exemplo de obsolescencia programada causada pola intervención estatal. A pequena escala e para usos urbanos, este tipo de mobilidade podería ter lóxica, pero nunca nas dimensións que se pretende. O que máis me sorprende é a falta de debate a gran escala sobre o tema. As poucas críticas que vin a estas medidas veñan da dereita, pero non da esquerda ou do sindicalismo galego que parecen aceitar con resignación estas achegas e a destrución de boa parte dos nosos sectores produtivos. Vexo que o da submisión ao globalismo non é cousa só do neoliberalismo.

Hai, ademais,outro factor que adoita esquecerse e é que nas transicións enerxéticas non se sabe que industrias van permanecer e cales van desaparecer. Isto é como cando pasamos do camiño de ferro ao camión, as fábricas de locomotoras non subsistiron nin se transformaron, simplemente apareceron fábricas novas noutras localizacións. Como noutras ocasións o liderado nestas tecnoloxías, tanto na dos autos como na de recarga rápida, está a vir dos USA, a pesar de que a electrificación alí avanza lentamente e nada garante que sexan fábricas europeas, ou no que a nós nos afecta, galegas, as que fabriquen eses novos autos.

Por outra banda nunca antes se fixera unha transición enerxética destas dimensións dunha forma planeada. Nas transicións históricas aparecían as novas tecnoloxías e eran adoptadas só se presentaban vantaxes fronte as vellas. Nunca de forma imperativa ou forzada. A xente preferíaas porque eran mellores e aínda así convivían durante bastante tempo sen grandes problemas. E non había un prazo que causase disfuncións. As vellas tamén podían mellorar reducindo as emisións (catalizadores ad blue, acendido por microondas...) e intentar competir coas novidades. Todo isto está a ser impedido, danando a nosa xente, e gostaríame saber o porqué.

Comentarios