Opinión

O coronavirus do centralismo

A pandemia que nos afecta non só esperta debates sobre sanidade ou epidemioloxía, senón tamén debates políticos sobre a xestión dos mesmos. Oímos a destacados dirixentes de partidos reclamar o mando único e observamos que o goberno central liquida nun intre tanto as competencias sanitarias das comunidades autónomas coma as da orde pública e centralízaas no consello de ministros español. Supostamente así conseguimos unha maior coherencia na toma de decisións e evitamos que “cada autonomía faga o que quixer”. Todo isto parte dun principio que está inda por demostrar, tanto no ámbito sanitario como en calquera outro ámbito organizativo que é o de que os sistemas centralizados e non redundantes funcionan mellor que os descentralizados e autónomos, e máis en tempo de crise.

Como xa apuntamos algunha vez, os sistemas centralizados de transporte ferroviario probaron súa ineficacia nas guerras mundiais, pois bastaba con quebrar un elo da cadea para paralisala toda. Ou no que atinxe ao subministro de alimentos dubido de que ninguén acredite que un modelo centralizado en Madrid garantise a existencia de víveres e insumos básicos que o sistema descentralizado e en competencia que agora temos. Pode quebrar unha cadea de loxística pero e cuase imposible que quebren todas á vez. No caso da centralización, un fallo central sería terríbel. Do que se trata en crises deste tipo non é tanto garantir a eficiencia ou a eficacia do sistema senón a súa resiliencia, isto é, que funcione sempre aínda que non sexa de forma óptima. Que non rompa en ningunha circunstancia. Precisamente nunha crise así non se pode fiar o sistema enteiro ás decisións duns poucos gobernantes, pois se se equivocan cae o sistema enteiro ou os danos son de moita maior envergadura e máis dificilmente reversíbeis que se operan varios sistemas de saúde, incluídos os privados, en concorrencia e de forma redundante e, ao revés, se un sistema autonómico tomase malas decisións, o dano estaría limitado e podería ser rapidamente revertido.

O principio de unidade de mando e de centralización é un construto teórico do que gostaron moito os construtores dos estados modernos para tentar eliminar calquera oposición de corpos intermedios ou de poderes locais, pero eu aínda non atopei ningunha proba de que funcionen mellor por carácter xeral. De ser así a sanidade italiana sería mellor que a nosa descentralizada, e para nada o é, como estamos a ver. O seu centralismo de pouco lle valeu. E máis se a centralización fose tan boa, por que non centralizar na Unión Europea? Ou mellor aínda, dado que o coronavirus foi decretado pandemia, por que non gobernalo a escala global, e con dirección dos chineses que xa teñen experiencia? Non, non o sería e até os Estados máis centralizados sábeno e reclaman descentralización, pero para eles. A descentralización só funciona supostamente a escala de Estados actualmente existentes, o cal é un curioso principio administrativo, dado que en ningún sitio está escrito nen ninguén pode afirmar que estes teñan a dimensión óptima de escala para prestar servizos de este tipo. Non centralizar nisto, vainos a vida. Mellor colaborar, cooperar e aprender.

Comentarios