Opinión

Contradicións

Cando de novo lin as obras do marxista, logo devido en ecomarxista, James O'Connor, impactoume moito a idea que el defendía nun dos seus libros, A crise fiscal do estado, de que os estados modernos podían colapsar debido ao excesivo número de demandas ás que o sometía a sociedade, todas sen dúbida xustas, pero para as que os estados non tiñan medio de como facerlles fronte.

O proprio incremento da conciencia de cidadanía e a propia mellora do nivel de vida facía que cada vez máis problemas e necesidades buscasen a atención dos estados. Para o que non estaba preparado o vello O'Connor é para que esa inflación de demandas fose de políticas contraditorias entre si, isto é que satisfacer unha determinada procura agravase a situación doutra realidade social, e sobre todo de que todas elas sexan presentadas como algo urxente e sen posibilidade de demora.

A lectura de calquera dos números deste xornal pode constituír un excelente exemplo. Por exemplo, na semana pasada publicouse nestas páxinas un excelente traballo sobre os perigos do cambio climático, varias críticas á subida do recibo eléctrico e facíase eco das críticas de números colectivos veciñais a respecto das granxas eólicas que inzan a nosa terra dende hai uns anos. En principio todas parecen propostas razoábeis e xustas, mais o problema é que, primeiro, todas á vez non poden ser e, segundo, se unha se consegue é á custa dalgunha das outras que se verá agravada.

O problema do cambio climático parece non só grave senón inminente polo que se deduce do relato do traballo publicado e que coincide coa inmensa maioría da información publicada, e polo tanto é lóxico que os gobernos tomen as medidas pertinentes para atallalo. Aínda obviando o feito de que as medidas deben ser globais para ter algún éxito, os nosos gobernantes decidiron tomar unha serie de medidas que son as que se propoñen en todo o mundo, isto é descarbonizar a economía e substituír as industrias e consumos contaminantes por outros máis adecuados, sumando a isto a produción de enerxía que deberá substituír os fósiles por formas de produción que non afecten o clima, isto é eólica, solar ou hidroeléctrica, dado que as nucleares non se contemplan (a pesar de que moitos defensores das enerxías limpas, como James Lovelock, pai do concepto de Gaia, as contemplan eu non son especialmente partidario de imitar a Francia e estabelecer cincuenta centrais nucleares no Estado). E isto foi que se fixo ou se está a facer, polo menos no espazo galego.

Para conseguir a transición enerxética o goberno español subvenciona a través da tarifa as empresas renovábeis e desalenta as emisións de CO2  obrigando a comprar dereitos de emisión. Todo correcto e é o que se fai en toda a nosa contorna. Pero estas medidas teñen un problema, encarecen a electricidade, e isto afecta a consumidores e empresas que nalgúns casos como as electrointensivas poden ver en risco a súa viabilidade. Ademais degradan a paisaxe, pois as eólicas hai que colocalas onde hai vento, non onde non molesten, se queremos que sexan eficaces na defensa do planeta. O goberno desvía culpas cara ás eléctricas (que teñen sen dúbida moitas cousas malas pero de querer subir os prezos caprichosamente non sei por que agardaron a que o gas estivese caro, subindo cando estaba barato gañarían aínda máis ) e castígaas fiscalmente, baixando o prezo das súas acción. A consecuencia é que a OPA sobre a herdeira da vella Fenosa por un fondo de capital australiano vai triunfar.

E todo isto por non querer debater estes temas no seu momento e por querer dar unha visión edulcorada da loita contra o cambio climático. Leváronnos a ela sen advertirnos e agora hai baixas que non se queren admitir.

Comentarios