Opinión

Conquista de territorios

Vin novas acerca dos proxectos do goberno ruso de ocupar e anexionar a Rusia toda a franxa costeira da Ucraína ata chegar ao territorio da Trandsnistria en Moldova. Sen entrar a discutir a lexitimade ou ilexitimidade de tal proxecto e sobre todo os medios usados para conseguilo, dos que xa me manifestei criticamente, gostaría de resaltar o absurdo deste tipo de medidas no día de hoxe, nos que o territorio afecta moi pouco ao desenvolvemento económico ou ao benestar das poboacións. O espazo físico ou espazo vital como concepto inherente e necesario á supervivencia dos estados é algo propio da xeopolítica de comezos do século XIX pero que ten moito menor interese no mundo actual, no que a xeografía mudou moito. Ademais de aparecer novas formas espaciais como o espazo extraterrestre, véxanse senón as posíbeis guerras de satélites ou o ciberespazo, a propia concepción dos estados como algo compacto tamén está a sufrir transformacións severas. Xeógrafos como Parag Khanna falan de cidades globais desvencelladas case por completo dos seus territorios, mantendo relacións fluídas entre si pero moi escasas co territorio do que teoricamente deberían formar parte. As relacións entre un cidadán de Madrid e un de Londres ou París non só son máis frecuentes senón máis fáciles cas do madrileño eu habitante dun pobo de Zamora, por exemplo. E non só no ciberespazo, que tamén, senón no mero desprazamento físico ou comercial cunha destas metrópoles. Moitas destas cidades globais, como agora son denominadas, e que centran boa parte dos fluxos económicos e culturais, non precisan dun territorio de referencia sobre o que operar, senón que obteñen boa parte dos seus insumos nos mercados globais. Microestados territorialmente do tipo de Singapur ou capitais moi desvencelladas do seu territorio próximo como Tokio ou París non precisan de dominar grandes espazos agrícolas ou dotados de abundantes recursos para prosperar economicamente. O que precisan adquíreno onde é mellor ou máis barato. Poderase dicir que estas sociedades son moi dependentes dos recursos enerxéticos ou materias primas procedentes dos grandes espazos, algo que é correcto. Pero á inversa tamén o é. Os países produtores de materias primas tamén precisan de que alguén llos adquira, a proba témola na mesma Rusia, que segue fornecendo enerxía a países que lle son abertamente hostís, e non deixa de facelo, a pesar de que están a abastecer o combustíbel co que funcionan os blindados cos que se lles confronta. Se puidesen, seguro que non llo venderían. Ademais de ser moi duras as condicións de venda, as sociedades globais poden comezar a adquirir o que precisan noutros territorios, máis caros, pero precisamente por isto máis dispostos a llo vender.

Isto vén a conto porque a pretensións do goberno ruso de anexionar terras ucraínas, alén de humillar o adversario, pouca vantaxe lles ha traer. Imaxinemos por un momento que alguén, os malaios ou os paraguaiaos. por exemplo, invaden Silicon Valley, un dos territorios máis ricos do mundo, que é o que conseguirían alén dunhas terras pouco produtivas? Nada, porque a riqueza que alí é xerada ten máis que ver coa capacitación da súa xente o do tipo de produto ou servizo que fan que coa mera pose da terra. É por isto que non acabo de entender que pretende un país como Rusia que se algo ten son terras, e moitas sen explorar, tentando conquistar a sangue e lume outros territorios. Tería algo de lóxica o de apartar a Ucraína da NATO, pero conquistar terras poboadas por xente hostil...? Non sei cal ha ser a ganancia (se a obteñen), pero moito me temo que os custos non han compensar, nin humana nin economicamente. As vellas doutrinas xeográficas seguen a facer moito dano.

Comentarios