Opinión

Congresos nos partidos

O Partido Popular Galego está a celebrar un proceso congresual. En principio non parece que vaia haber sorpresa algunha no seu resultado final, dado que é un congreso ordinario e non se formula alternativa á actual dirección do presidente Feijoo. Haberá algúns cambios na composición da executiva pero pouco máis. Non han mudar substancialmente nin nomes nin idearios. Tampouco parece que se vaia ver un exercicio de transparencia ou de democracia interna. É un congreso clásico de partido, dos de antes, dos tradicionais. E isto, ao meu entender, é moi boa cousa, basicamente porque limita a democracia interna dos partidos, cousa tan popular como pouco desexábel. 

A democracia é boa entre partidos distintos, non dentro do mesmo, e de quererse máis posibilidade de participación antes das eleccións o que habería que facilitar é a creación de novos partidos, non a disolución dos xa existentes en guerras internas. As eleccións internas serven basicamente para formar minipartidos dentro dos partidos pensados exclusivamente para derrotar rivais internos, dándolles boa munición aos partidos rivais, co agravante de que ao ser membros dun mesmo partido a campaña céntrase nas características persoais dos candidatos e non no seu ideario. As primarias son inventos dos norteamericanos para un sistema no que non hai partidos políticos tal como os coñecemos pero adoptados por políticos “modernos” que gostaban de imitar os americanos e as proezas de Obama (quen por certo gañou as súas carrexando votos co apoio da maquinaria de Chicago). O militante ou adscrito vota na maioría dos casos da mesma forma en que o fai nunha elección convencional, isto é, sen coñecelo máis que a través da publicidade ou o marketing. Vota máis unha imaxe creada que unha persoa á que coñece, polo que as técnicas de propaganda e manipulación electoral operan case igual que en calquera outro comicio. Obrígase o militante a ter que optar por un bando, coas divisións internas que isto produce, co agravante de que as faccións están agora están organizadas.

Comparemos en cambio cun congreso de partido tradicional ao estilo do PP. Non parece a simple vista moi transparente nin moi democrático. Os compromisarios adoitan ter un só candidato e unha soa lista para apoiar ou en caso de desacordo votar en branco. Digamos que xa coñecen o resultado e van aclamar o trunfador. Na práctica isto é enormemente funcional porque a composición dos órganos executivos foi negociada antes do congreso cos presidentes provinciais, deputados, alcaldes e persoas con influencia no partido e a nova Executiva conta co apoio do aparato ou dunha parte moi substancial del. Nas primarias pode saír eleito un candidato contra o a aparato cos problemas que isto trae (como aconteceu con Borrell no PSOE) mentres que aquí non. Os membros da Executiva son coñecidos xa da dirección e teñen probado dalgunha forma a súa valía, non están aí por figurar nunha lista.

Esta Executiva tamén ten información de primeira man sobre os posíbeis candidatos a liderar o partido e é moi improbábel que escollan algún incompetente, algo que nun sistema de primarias aberto pode ben acontecer. En calquera caso, e aínda que de cara á galería esta forma de escoller liderados poida non ser ben vista a día de hoxe, é unha das razóns da enorme estabilidade organizativa do PP galego. Creo que outros partidos deberían deixarse de tanta modernidade e aprender un pouco de quen ten experiencia en facer política.

Comentarios