Opinión

Coñecemento tácito

Leo nun traballo que o Véneto está a sufrir moito menos que outras zonas do norte de Italia como a Lombardía porque o seu gobernador decidiu non seguir as directrices que viñan de Roma sobre a xestión da pandemia e facer as cousas de acordo co que entendía pertinente dada a realidade da súa rexión, o cal ao meu entender é correcto. Os gobernantes centralistas esqueceron ou non coñecen as advertencias que fixo o Nobel austríaco Friedrich Hayek sobre a importancia do coñecemento tácito, isto é, aquel que se refire ás características propias de tempo e lugar no momento de facer cálculos ou tomar decisións. Esquecer ese coñecemento propio do terreo fai que as decisións estean mal informadas e poden cometerse moitos erros.

Na Primeira Guerra Mundial os xenerais en París elaboraron planos de combate centralizados e nunha das batallas levaron miles de homes á morte, simplesmente porque o terreo estaba enlamado e no plano non estaba prevista esta continxencia, e os planos non podían ser mudados.

Na guerra contra o virus pasa algo semellante. As decisións que se toman son iguais para todo o país con independencia das súas características propias. Non importa se é rural ou urbano, industrial ou turístico, poboado ou despoboado, con boas ou malas infraestruturas, rico ou pobre. Aplícanse os mesmos decretos e normas a todos por igual, esquecendo non só as características dos distintos territorios senón tamén o coñecemento propio dos habitantes do lugar, que ás veces é distinto dos habitantes dunha grande urbe. Non ten senso, por exemplo, aplicar medidas pensadas para unha cidade con metro e elevada densidade de poboación no rural despoboado. Por exemplo, a día de hoxe, na ila da Gomera non hai casos e dadas as características do sitio e improbábel que se dean ou é moi fácil controlar a quen chega. Por que ten que ser tratada como Barcelona ou Madrid? Entón que lóxica ten paralisar todo alí? Só porque é máis cómodo? Ou para non xerar diferenzas entre españois? Pero o prexuízo económico que se poida xerar alí ou noutros sitios do estilo semella ser gratuíto e feito simplesmente para igualar.

Nunha situación como a actual hai que equilibrar por un lado as necesidades da loita contra a enfermidade coas necesarias para manter unha mínima actividade económica. Nen se pode paralisar de todo a economía (ficariamos sen luz, auga ou alimento) nen se pode esquecer a enfermidade para salvar a economía, pois a peste faría enfermar a millóns de persoas e habería miles de falecidos e a economía resentiríase igual. Entre estes dous extremos imposíbeis hai que tomar medidas que ponderen e equilibren ambas posturas, atendendo a realidade espazo-temporal de cada territorio. Nuns casos é obvio que primará o aspecto sanitario, pero noutros non ten senso. O mesmo acontece co ritmo temporal de evolución da enfermidade ou incluso co clima, coa estrutura das familias ou mil e outros factores máis. Tampouco todas as industrias son iguais nen todos os comercios son iguais. Algunhas poden ter unha densidade moi elevada e ser o control difícil, pero outras non. Para non xerar mais dano do necesario é imprescindíbel que as decisións sexan tomadas por quen coñece a situación.

Comentarios