Opinión

Competencia fiscal

Fai sesenta anos o economista e xeógrafo Charles Tiebout propuxo a idea da competencia entre unidades políticas e administrativas con autonomía fiscal, pertencentes a un mesmo espazo político, como no noso caso serían as comunidades autónomas e en certa medida os concellos. Tamén pode aplicarse a estados soberanos nos que exista libre circulación de persoas e capitais, como é o actual marco europeo. Simplificando moito a súa tese, defende que de darse ese caso, e sen regulación externa, as unidades políticas competirían entre si baixando tributos dado que as persoas, especialmente aquelas con maiores rendas, preferirán votar cos pés e mudarse a outra circunscrición próxima máis amábel fiscalmente antes que organizarse politicamente para conseguir rebaixas fiscais. De vivir hoxe o profesor Tiebout, sorriría satisfeito ao ver como as súas teorías se cumpren á perfección no marco fiscal do Estado español.

Podería estrañar que esta competencia estea a darse especialmente nun imposto como o de patrimonio (a deflactación do IRPF non é estritamente unha rebaixa fiscal senón unha actualización dos tramos) que afecta a moi poucas persoas, iso si moi ricas, e que recada, en relación a outros impostos, relativamente pouco. Pero é normal que así sexa porque o feito de conseguir censar nunha comunidade ou territorio a este tipo de persoas acostuma a traer subas de recadación por outros aspectos, dado que pasaría a pagar outros impostos como os da renda ou os de propiedade no novo territorio compensando de sobra as perdas de recadación e patrimonio e, sobre todo, conseguiríase que os ricos propios non queiran marchar de onde están a vivir. isto entendérono moi ben os portugueses, que ao ver os altos impostos que se pagan noutros territorios europeos souberon ver a oportunidade e implantaron xa hai algúns anos un ambicioso programa fiscal de atracción de grandes fortunas estranxeiras que fican exentas de impostos de patrimonio e sucesións ademais dun moi baixo imposto sobre a renda. Isto atraeu a ricos de todo o mundo como Madonna (con escándalo incluído) o Aga Khan, príncipe dos ismaelitas ou incluso a algún rico militante dun partido defensor da unidade da nación española. Programa fiscal deseñado pola dereita lusa de Passos Coelho pero mantido na súa esencia polos sucesivos gobernos de esquerda que en Portugal se deron. Este proceso de competencia fiscal levou a que Galiza tamén tivese que baixar impostos e incluso comunidades gobernadas pola esquerda española fixeron o mesmo. Intúo que un goberno nacionalista de esquerda na Galiza tería que facer tamén algo semellante, gostase ou non, tal é a forza da competencia fiscal.

Cal sería o remedio? O único é eliminar dunha forma ou doutra a autonomía fiscal impondo impostos estatais a riqueza ou ao patrimonio que contrapesen a medida. Pero isto implica unha perda de soberanía no ámbito tributario que debería ser difícil de aceptar para un nacionalista, pois ou se opta por tributos altos ou se opta por soberanía fiscal. Que é o que debemos de escoller? Eu opto claramente pola soberanía, pero temo que este debate, como moitos outros non se está a dar no seo do nacionalismo galego.

Comentarios