sábado 24/10/20

Sobre ciencia e política na pandemia

Dende que comecei a estudar política tiven interese en estudar, analizar e tamén criticar o fenómeno da tecnocracia. A idea de que os lexitimados para exercer o goberno deberían ser os autodenominados científicos ou expertos (digo autodenominados porque acostuman a ser eles mesmos quen determinan que pertencen a esta categoría) é tan vella como a filosofía política e conta con tanto prestixio como escasos foron os seus éxitos. Polo tanto, desfrutei coa lectura do manifesto elaborado por varias sociedades científicas afirmando que o Goberno “manda pero non sabe”, e facendo a continuación unha serie de recomendacións de política pública. Sorprenden, iso si, algunhas cousas que amosan que os asinantes poderán ser moi bos nas súas disciplinas pero que entenden moi pouco doutros ámbitos, entre eles, o da política e, moi especialmente, a política relativa á ciencia, que é a que mellor deberían coñecer.

Comezan, por exemplo, defendendo a teoría da política baseada na evidencia, isto é que a decisión debería ser baseada en evidencias e nonoloxías ou valores supostamente extracientíficos. O problema é que os científicos tampouco observan a realidade dende a neutralidade máis absoluta. A súa propia área de estudo ou as teorías e hipóteses científicas que usan impídenlles ver a evidencia tal cal é. De aí que eles mesmos non sexan capaces de dar unha única explicación do que acontece. Calquera lector habitual de prensa pode atopar científicos con credenciais moi boas e moi semellantes entre si dando versións moi distintas non só da propia orixe e natureza da pandemia, senón, e aquí está o relevante, con propostas de actuación moi distintas para solucionala. Tanto os defensores da inmunidade de rabaño como os do confinamento son científicos acreditados, e se entre eles mesmos non son capaces de acordar unha resposta, como poden pedirlla ao resto? De non pórse eles de acordo, o normal será que os responsábeis políticos escollan a solución máis acaída para eles. Tampouco as respostas coordinadas deberían basearse en exclusiva en criterios científicos como propoñen os asinantes. As respostas deberán telos en conta, pero tamén criterios económicos, políticos, sociais e incluso de dereitos civís. E non deben ser uniformes, nin como base “nacional”, non só porque as realidades son distintas, senón porque de seguirse ese criterio debería adoptarse unha única solución a nivel mundial. O virus efectivamente non entende de fronteiras autonómicas, pero tampouco de barreiras estatais, nen sequera continentais. De aí a enorme complexidade da cuestión.

Pero o que máis me asombra é a declaración de que as autoridades sanitarias deberían tomar as súas decisións sen ningunha inxerencia “política”. Por un lado, non parece entender que as persoas concretas que exerzan autoridade sanitaria derivan súa autoridade precisamente do proprio proceso político, isto é, son nomeadas polos presidentes ou primeiros ministros e son partícipes da súa política xeral, e que se estes cambian tamén cambiarán os responsábeis sanitarios e moi probablemente as súas políticas. E segundo porque parece deducirse do proprio texto que os asinantes do manifesto quererían que fosen os propios expertos os que nomeasen (como queren os xuíces tamén) aos seus directivos. O problema, como sempre, é que non explican que procedementos ían usar para escollelos e que moito me temo que ía ser tan ou máis “político” con convencional só que co agravante de que serían investidos cunha sorte de autoridade técnica que os faría irresponsábeis a calquera control. A pandemia ocasiona moitos e moi graves problemas, non procedamos pois a agravalos.

comentarios