Opinión

Campo e cidade

Os vellos manuais de ciencia política que se usaban nos cursos introdutorios da carreira distinguían, seguindo a Stein Rokkan, as principais divisorias políticas ou clivaxes sobre as que se artellaban tradicionalmente partidos e movementos sociais. Así falábamos dun eixo de clase (capital vs traballo), dun en relación coa relixión (estado confesional ou laico), outro centrado no centro- periferia (nacionalistas versus centralistas) e por último o centrado na dialéctica campo cidade. E cando chegabamos a este último pasabámolo por alto, pois parecía un debate de moi pouca relevancia no presente, se ven tivo algo de forza no século XIX .

Algo semellante aconteceu cando lin que Ramón Piñeiro definía as clases non en termos de capitalistas e obreiros ou ricos e pobres, como estabamos acostumados, senón que na Galiza a verdadeira distinción era entre habitantes da vila e habitantes do rural. Non parecía moi fundado que esta distinción, que se ben de forma case instintiva tiñámola de pequenos, tivese en cambio moito fundamento teórico ou polo menos o suficiente como para elaborar unha teoría social elaborada. Tampouco se lle prestaba moita atención ao tema cando estudabamos as vellas e cruentas disputas dentro do marxismo entre partidarios do campo e defensores do proletariado urbano.

Pero o certo é que con esta praga vírica que padecemos creo que estou comezando a apreciar a sabedoría dos vellos teóricos e a comezar a recoñecer que algo de razón tiñan ao elaborar tales teses (o PP galego xa as vira antes coas disputas de boinas e birretes que respondían a unha lóxica semellante).

Leo por exemplo no Nós Diario do sábado pasado sobre as restricións de movemento impostas no rural por mor da pandemia. Non se pode nen levantar as patacas nen ir buscar un mollo de herba e nen sequera apañar unha pabea de verdura como estea a máis de cincocentos metros da casa sen ser multado. A santo de que? Do que vimos vendo sobre o centralismo só que combinado ademais coa perspectiva urbanita do mundo. É certo que a enfermidade ataca en todos espazos, pero neste caso concreto parece que afecta relativamente máis as cidades que o campo e moi especialmente nas cidades grandes, máis densas en populación e con abundantes aglomeracións nas que é doado o contaxio.

Parece lóxico deseñar un confinamento atendendo a estas características e axeitado á forma de vida que se leva nas grandes cidades, e isto foi precisamente o que se fixo. O problema é que se aplicaron por igual en zonas urbanas, en vilas e no rural sen ter en conta as diferenzas non só no hábitat, senón na propia forma de vida, e que o illamento social xa se practica hai tempo no agro, primeiro pola dispersión e segundo porque é moi difícil xuntar xente para facer unha aglomeración e de darse esta é só en datas moi puntuais. Que lóxica ten poder ir ao supermercado e non levantar unhas cebolas? Ou poder comprar nunha grande superficie e non nun moito menos denso mercado rural? A única posíbel é que os que deseñan as normas do estado de alarma só compran en supermercados e nunca viron un sacho nen un fouciño e pensan que todos viven no bairro de Salamanca. O problema é que esta lóxica estase contaxiando na nosa terra, e moitos dos nosos burócratas e gobernantes gostan, como os vellos urbanitas de Ramón Piñeiro, de imitar as urbes de verdade.

Comentarios