Opinión

Cal é a ganancia da república para Galiza?

Debátese moito este días sobre a posíbel instauración da república no actual Reino de España. Entendo que as esquerdas españolas defendan tal forma de Goberno, pois é unha aspiración que teñen desde hai tempo por motivos que eles saberán, ben sexa por principios ben por oportunidade política. Pero observo que hai partes do nacionalismo galego que tamén fan súa dita proposta dunha república española, supoño que será porque a vén como unha causa de esquerda e por iso a apoian, pero entendo que tal tema non está aínda ben discutido no que se refire a cuestión nacional. A idea de que unha república pode beneficiar a causa nacional non está nada clara e creo que debería ser debatida tamén nesta chave.

En principio, nada impide o desenvolvemento de movementos nacionais en repúblicas e, de feito, moitos dos novos Estados europeos proceden da implosión de vellas repúblicas federais que resultaron disfuncionais, como a URSS, Iugoslavia ou Checoslovaquia. Pero o certo é que son os movementos nacionais máis potentes, non só pola súa capacidade de mobilización senón tamén na capacidade que teñen de acadar a secesión. O caso máis claro é o de Escocia (que formulou deixar a raíña de xefa do novo Estado) e Ulster no Reino Unido, pero tamén os de Flandres e Catalunya, situados ambos en sendas monarquías. Ten certa lóxica porque os actuais monarcas non deixan de ser herdeiros dos distintos territorios que conforman os actuais Estados e a memoria destes aínda vive na poboación. Ademais, as monarquías, pola súa propia natureza, son máis sensíbeis aos dereitos históricos e aos privilexios dos distintos pobos, algo que nunha república de novo cuño composta por cidadáns libres e iguais tales tipos de dereitos serían mal vistos. Só hai que pensar en como tratou a república francesa desde os inicios as distintas nacións que a compoñían. Xa desde un principio buscou eliminar os seus parlamentos, intentar destruír súa memoria fragmentándoa en departamentos e tentando eliminar a través do ensino público as súas diversas linguas. Non hai ningunha garantía de que unha república hispana non se vaia comportar así. Para evitalo habería que recorrer a principios de corte histórico ou tradicional pouco compatíbeis coa moderna forma. Ademais, pode derivar noutro tipo de problemas para as forzas nacionalistas.

A característica principal dunha república é que o seu máximo dirixente non herde o posto, senón que saia dalgún tipo de sufraxio. Supoñendo que sexa como en Francia ou Portugal, que prevén a existencia dunha elección a dúas voltas, e isto implica que na segunda as forzas nacionalistas galegas van ter que pedir o voto para algunha das dúas forzas en competencia, retirándose da contenda e ficando seu discurso invisibilizando a súa mensaxe e ficando na irrelevancia política. Nun caso como o das últimas presidenciais francesas, o BNG, por exemplo, tería que apoiar un candidato de centro xunto ao PP e ao PSOE para que non gañase a ultradereita. Non parece un escenario moi ideal para o nacionalismo e, de feito, xa se pode comprobar a súa case nula influencia na política francesa, salvo Córsega, e daquela maneira. Non sería mala idea ponderar un pouco estes temas, pois a ecuación da esquerda de que máis república implica máis dereitos nacionais está aínda por demostrar.

Comentarios