Opinión

Bo Natal

Nestes días adoitase lembrar a orixe pagá do Natal. Explícase como a celebración derivou de vellos cultos prerromanos e de festas de solsticio como acontece tamén no San Xoán. Afírmase que a Igrexa o que fixo foi adoptar eses cultos e darlles un verniz cristián, como tamén acontece coa apropiación con liturxias e lugares de culto dos galegos antigos. Todo parece apuntar a que así aconteceu, pero tamén nos deriva a entender que a Igrexa conservou todas esas tradicións, ritos e lugares sacros que doutra forma terían desaparecido. Outras relixións ou ideoloxías políticas non actuaron da mesma forma a respeito do pasado, simplemente fixeron táboa rasa del e tentaron instaurar novas tradicións, unhas veces fracasadas, como as tentativas de xacobinas de tentar cambiar o calendario, os días santos e incluso a semana que querían de dez días.

Non só isto, a Igrexa organizou administrativamente a nosa terra e foi sen dúbida crucial á hora de conformar a nosa lingua, que no momento da súa chegada a Galiza non existía aínda, e non digamos a toponimia ou a antroponimia. Tampouco podería explicarse a propia unificación cultural da Galiza xa dende a Idade Media sen a súa presenza, aínda que só fora pola roturación de terras e a introdución de novas formas de cultivo nos seus mosteiros ou pola creación da nosa universidade máis vella. Digo isto, que xa é ben sabido pero convén ás veces lembralo, porque o feito relixioso parece ausente do actual debate nacionalista galego. Pódese e débese discutir cal debe ser o seu papel mais non obviar que o feito relixioso forma parte da configuración dunha nación, como calquera outro factor de identidade, como é o idioma, a economía, a historia, a xeografía ou a arte como pode verse na serie sobre os tímpanos medievais que se vai publicar neste xornal. É máis, nalgúns casos chegou a ser o factor central definidor da identidade como foi no caso irlandés o polaco ou de forma máis explícita aínda no xudeu. Non ter en conta este factor implica ofrecer unha idea de nación amputada dun dos seus factores máis relevantes, aínda que só sexa a título histórico ou de preservador de tradicións. Esquecelo faille perder moita forza simbólica pois aliena boa parte do pobo galego das súas raíces máis profundas.

Os galeguistas vellos parecían sabelo ben, e como ben nos lembrou neste xornal hai pouco Victorino Pérez Prieto nun excelente artigo, moitos deles tiñan plena conciencia disto, comezando pola propia escolla do Día da Patria Galega no día de Santiago Apóstolo, un dos nosos grandes mitos de orixe. Estes non só eran conscientes do fenómeno senón que o incorporaban ás súas análises políticas para reforzar o discurso do galeguismo. Isto non implica que o galeguismo teña que ter un discurso confesional ou que sexa necesario ser relixioso para selo senón que debe ser incorporado ao noso patrimonio. Dáme mágoa ás veces ver como nacionalistas galegos non queren participar en actos relixiosos tradicionais e moi inseridos na nosa cultura, só por selo, cando deberían estar e dar testemuña da continuidade no tempo da nosa cultura. En cambio participan en actos “laicos” de moita menor raizame, ou que incluso obvian a realidade galega só por ser estes modernos. As gaitas e o galego escóitanse moito máis na festa de Santa Minia ou nos Ranchos de Natal que en moitas das manifestacións da cultura “oficial”.

A nosa cultura vive en moitas destas celebracións, como a do Natal. Agardemos pois poder seguir a celebralas mil anos máis. Bo Natal.

Comentarios