Opinión

Blowback

Hai uns anos o economista e politólogo Chalmers Johnson escribiu unha serie de libros e ensaios sobre as consecuencias do imperialismo norteamericano (abordou incluso nun deles a retirada do Afganistán). Blowback, que vén significar algo así como retroceso, ao estilo dun boomerang, é o título dun deles, quizás o máis coñecido. Como é sabido, os críticos do intervencionismo estatal sinalan que as consecuencias dunha intervención estatal na vida económica e social non son tanto o non conseguir os obxectivos procurados como o das consecuencias imprevistas, e moitas veces non desexadas que tal actuación ten sobre outros sectores que en principio non teñen nada a ver co obxecto sobre o que se intervén. Así afirman, un control de prezos pode causar escaseza, desabastecementos e dará lugar a mercados negros, o que dará lugar a novas demandas de intervención. O que fai Johnson é o mesmo, só que aplicado en concreto as grandes intervencións neoimperiais dos Estados Unidos e seus aliados.

Se unha pequena intervención nos mercados causa desarranxos, que non ha causar unha intervención a unha escala maior e moitísimo máis violenta como é o do deseño dun novo estado, o nation building ao que ben se refería o señor David Rodríguez nestas páxinas. Por exemplo, Obama, Sarkozy e Zapatero, entre outros, dixeron que querían levar a democracia e o estado de dereito a Libia. Aínda que fose verdade tal pretensión (o cal dubido), o certo é que, ademais de non conseguilo, o que causaron foi que boa parte do seu arsenal caera nas mans primeiro dos rebeldes sirios e logo do Daesh, alimentando unha espiral de destrución en Siria e Irak, que levou ao deprazamento de millóns de refuxiados que acabaron por afectar a estabilidade da UE.

Ademais, os mercenarios que tiña Gadaffi volveron a Malí e outros territorios centroafricanos reforzando os islamistas locais e forzando a novas intervencións neses territorios. Algo semellante parece que aconteceu no Afganistán. Primeiro o camarada Breznev quixo reforzar o socialismo alí, saíu derrotado e conseguiu o contrario, isto é a caída do mesmo (aínda que non só por esta razón). O apoio dos americanos e dos árabes aos combatentes islamistas puxo a semente de Al Qaeda e as seguintes guerras civís derivaron no auxe dos Taliban, que pronto amosaron ser inimigos de quen os apoiou. A posterior invasión do país por parte da NATO derrotou os Taliban, pero tamén desmantelou a oposición interna que estes tiñan por todo o país (e que poderían derrotar os taliban sen necesidade de invadir). Ao participar estes grupos combatentes no novo goberno títere desmobilizáronse. A falta de sensibilidade da invasión (atacar vodas con bombas non parece que fose moi popular entre a poboación, como non o era tampouco que as milicias pro-occidentais extorsionaran a xente) con moito ataque aéreo pero pouca presenza no terreo e a corrupción do goberno fixeron o resto. Os taliban recobraron forzas pouco a pouco ata hoxe en que toman o poder sen que exista oposición organizada con todas as consecuencias que por desgraza podemos prever. Faltan por ver as consecuencias que virán noutros ámbitos e territorios (desde grandes vagas de refuxiados a conflitos por Taiwan ou Cachemira, ao estar o imperio fevel) que agardemos non sexan moi graves.

Hai que recobrar certa humildade na política exterior en entender que non se poden resolver todos os conflitos da terra usando a violencia. Primeiro porque normalmente non se sabe como, a pesar da arrogancia de moitos estatistas non se coñecen moitas das claves dos conflitos. Segundo porque non se pode, ao non contar cos recursos necesarios para poder facelo. E terceiro porque as consecuencias poden afectar gravemente a terceiras partes que non teñen nada que ver. O debate de se debe ou non ou de quen debería quedará para outra ocasión.

Comentarios