Opinión

Axenda 2030 e o declive da Unión Europea

O vello economista austríaco Joseph Schumpeter sinalou nun célebre artigo 'A crise do estado fiscal' publicado hai ben tempo, que un historiador do futuro que quixese determinar cales foron as relacións reais de poder dentro dunha sociedade faría ben en estudar con maior detemento os documentos orzamentarios que as declaracións dos líderes políticos á prensa ou os documentos programáticos dos seus gobernos. O orzamento friamente fraccionado amosa onde se gastaron os cartos realmente alén dos discursos retóricos, que na maior parte das ocasións non se corresponden co que realmente se fixo. Schumpeter non fai máis que apuntar algo obvio para calquera interesado na política, que os gobernantes en moitas ocasións din unha cousa e logo fan outra, e eu engadiría que canto máis entusiasmo aparentan por algunha causa menos interese real poñen nela. Temos unha alternativa, que debería ser a ideal, que consiste en ser coherentes no retórico e no práctico, e outra que baixo ningún concepto pode ser levada adiante, que é a de pór a práctica tanto as medidas antes retóricas ao tempo que se mantén o que se estaba a sacar adiante de forma oculta. Pódese facer algunha medida simbólica de vez en cando ou pode matizarse algo a aplicación das medidas reais pero nunca ambas á vez, pois xeraría confusión e caos, ademais de inutilizar calquera política. O caso da axenda 2030 é un exemplo ben representativo do que estamos a dicir. Todos podemos ollar os nosos gobernantes xurando e perxurando que han cumprir os obxectivos marcados e descarbonizar noso transporte ou nosa xeración de enerxía antes do 2030, 2035 ou 2040 segundo sexa o documento no que se recolle a proposta. Nas datas sinaladas ou nos cumios climáticos todos, incluídos chineses e indios, choran polo porvir das xeracións futuras e prometen sen excepción adaptar as economías con rapidez para afrontar os desafíos que confronta noso ferido planeta. Pero ao mesmo tempo podemos constatar, seguindo o consello que nos deu Schumpeter, que as emisións mundiais de gases de efecto invernadoiro non deixan de medrar e que moitos países como China ou India estaban a recorrer a xeración de enerxía usando carbón. Moda a que parece que se teñen sumando nestes días Alemaña, Austria, Países Baixos e incluso nós, volvendo activar a central das Pontes. Sen contar que o carbón segue sen ser considerada, a diferenza do gas ou a nuclear, unha enerxía verde.

Ao facer unha cousa e a contraria a UE non só non mellora a situación senón que agrava as dúas posíbeis estratexias que poderíamos seguir e, polo tanto, convertese en algo peor que nunha superestrutura inútil, que xa o é, senón nunha institución daniña. Porque ou loitamos en serio polo cambio climático ou atendemos de forma adecuada, tanto en prezo como en cantidade, as necesidades enerxéticas da poboación. A apertura ou reapertura de centrais térmicas, de gas ou nucleares require de reinvestir nelas e fixar un calendario de amortización de cando menos unha década, pois, se non, quen iría investir nelas? Pero se facemos isto estariamos a recoñecer que o problema climático non é tan importante que non poida agardar uns aniños máis, perdendo por tanto o núcleo do seu discurso que é o de que non podemos agardar máis. E sen contar que serían dez anos máis a acumular gases que afectan negativamente o clima, co que habería que facer medidas moito máis duras cunha poboación non sensibilizada. Pero polo que se ve tampouco podemos ficar sen enerxía ou con ela a moi alto prezo. Calquera das alternativas ten mala pinta, pero todo deriva en última instancia da UE e súas ambicións de cambiar o mundo, sen ter nin os medios nin a vontade de facelo, e que polo que se pode intuír van ser un dos puntos de viraxe cara o declive do chamado "soño" europeo.

Comentarios