Opinión

Arribistas e tránsfugas

Os acontecementos políticos acaecidos estes días en varias comunidades autónomas españolas fixéronme lembrar as páxinas nas que o profesor Panebianco explica a importancia que teñen aqueles “militantes” que adoitan estar atentos a onde vira o vento político e á espreita para cambiar de partido para onde entendan que lle ha ir mellor. Adaptados a este xogo adoitan ter certo senso da anticipación e abandonan o barco sempre un pouco antes que os demais para así poder facer un favor ao rival e garantir un bo posto na nova forza. O vello profesor lembra que estes arribistas non só son sempre ben recibidos senón que adoitan ocupar cargos relevantes pasando por riba de militantes que sempre se mantiveron fieis á causa. De feito, afirma, as direccións dos partidos (de todos os partidos) adoita estar chea deste tipo de persoas.

Da mesma forma que en calquera parella humana adoita ter unha posición de dominio aquel dos dous que quere menos nun partido político sucedería o mesmo e polas mesmas razóns. E non só isto, se por calquera circunstancia ten que regresar de novo ao partido orixinal será recibido con festa e alborozo, como o vello relato bíblico do fillo pródigo nos amosa. É este un trazo humano que nunca entendín e que non parece ter moita lóxica pero foi e é omnipresente na práctica política. Isto vén a conto porque non é difícil intuír que neste xogo político os que cambian de bando non só non van ser represaliados senón que seguramente han ocupar bos postos de saída onde hai eleccións ou bos postos de goberno onde o goberno vello permanece. O de Roma non paga traidores, queda moi ben na lenda de Viriato, pero moito me temo que dende aquela esta honorable práctica romana deixou de ser usada, o cal é lóxico porque como todo teórico militar sabe o máis valioso dos soldados sempre foi o traidor, porque só pode desbaratar o traballo dun exército enteiro, e por isto sempre é conveniente ter algún deles de man.

O tránsfuga, figura emparentada proximamente coas anteriores, é en cambio unha figura más rara de ver. Ao igual que é moi difícil ser plebeo (para selo hai que poder casar con alguén da realeza ou a aristocracia sen pertencer a elas), ser un tránsfuga é algo moi difícil pois é un tipo de arribismo que só se dá no caso de votacións moi transcendentes nas que o propio voto é decisivo. A diferenza dos anteriores este non está nin ben visto nin pode ser ben recibido na outra forza, dado que deixou tirados aos seus nunha circunstancia difícil. Tamén non sempre está claro quen é o tránsfuga, se quen cambia o voto ou a dirección que cambia os principios en moitas ocasións tamén por principios espurios. Pero tamén o tránsfuga, ao igual que o arribista , non deixa de ser funcional ao sistema democrático. Por un lado lémbranos que as direccións dos partidos non son omnipotentes e non poden nin maltratar nin xogar cos seus afiliados, pois estes poden vingarse no momento que máis dano fagan.

Polo outro, lémbranos que a política está composta por homes e mulleres, e que son persoas as que representan a cidadanía, non aparatos de partido. De non ser así, en vez de escoller persoas bastaría que o representante de cada partido tivese cupóns ou cromos equivalentes ao número de escanos obtidos (como nas votacións dos accionistas nas corporacións). E por último tamén nos lembran o importante que é seleccionar as persoas correctas para os postos de representación, e non estaría de máis que comezasen a valorar aspectos como a integridade moral ou a lealdade á causa, que é por aí por onde pode comezar calquera rexeneración política.

Comentarios