Opinión

Anarquía nos partidos

Épouco comprendido e estudado o feito de que os partidos políticos operan en anarquía, dentro de si e entre si. Entre si é algo facilmente comprobábel nun goberno de coalición ou en calquera acordo parlamentar, no cal calquera das partes pode rachar o acordo e a outra non pode facer nada para impedilo salvo tentar convencelo ou ofrecer algún tipo de concesión económica ou política para manter o acordo. Pero se se persiste no desacordo nada pode impedir que a relación remate e á parte prexudicada só lle queda amolarse, como lle aconteceu ao PP cos seus socios na última moción de censura.

Moito menos aparente é, pola contra, o feito da anarquía interna dentro dos partidos. Estes son, en esencia e con raras excepcións, máquinas organizadas para tentar acadar o poder no seo das institucións estatais, tanto en réximes democráticos como ditatoriais. Pero dentro deles operan tamén relacións anárquicas, isto é cohesionadas ben por valores ideolóxicos ben pola perspectiva dalgún tipo de interese político ou económico ou por ambos á vez, que adoita ser o máis común. O feito é o que o liderado dos partidos funcionará sempre que sexa capaz de manter esa cohesión e manter vivas as expectativas de achegarse ao poder. De aí que por por algún exemplo recente os líderes das Marés ou de Ciudadanos non sexan quen de manter unidas as súas organizacións e non teñan forma de evitar que os seus militantes e cargos permanezan no partido. Se non son quen de convencelos ou incentivalos estes marcharán sen que nada poida facerse. Tamén é perceptíbel a anarquía nas loitas internas de poder que continuamente se producen dentro deles, as cales son moi celebradas pola prensa e polas persoas interesadas na política, sobre todo se se producen nos partidos rivais. A lectura deste mesmo xornal un día calquera é boa proba disto. 

Hai varias formas de resolver estes conflitos cando a negociación non basta, as máis comúns copiadas do funcionamento da Igrexa, sendo a máis obvia a da expulsión, a vella excomuñón, pero esta só funciona se estes son poucos en número ou en peso político. De non servir, haberá que recorrer ao cisma ou división do partido. Os descontentos, esta vez organizados, marchan e forman un novo partido ou forza política. É custosa en cadros e medios pero clarifica a situación e pacifica internamente e co tempo, a través da propia dinámica política, vese quen tiña mellor estratexia política. Foi a usada, por exemplo, no BNG e cos resultados que todos coñecemos. Mais agora parece imporse unha nova solución, esta vez traídas dos Estados Unidos, pero que a semellanza das bioinvasións está a destruír o nosos ecosistema político, e que consiste en resolver os problemas votando en primarias ou congresos abertos. É, na miña opinión, a peor e agardo que non se aclimate aquí. Consiste en esencia en organizar aos grupos en confrontación, pois afrontar unhas eleccións deste tipo require cando menos dun pequeno aparato, financiamento e responsábeis de comunicación dedicados en exclusiva a confrontar a compañeiros do proprio partido. O agravante é que ganadores e derrotados seguen despois dentro do partido, só que organizados e agardando a próxima volta. Ademais o mero feito de convocalas crea divisións onde ás veces non as había, e erosiona a autoridade dos novos líderes. Así mesmo, ao tratarse en moitas ocasións de loitas de profesionais da política, estes fan ás veces “trangalladas” entre eles, o que incrementa o rencor posterior. Por iso moitos líderes unha vez empoleirados buscan suprimilas ou limitalas. É o que está a facer o PSdG, por exemplo, que non contento con estas vai repetilas para escoller candidato á Xunta. E o PP tamén está comezando a copiar esta estratexia, en vez de recorrer ao tradicional e sabio cisma e que quen triunfe electoralmente pasa a ser o PP oficial. Agardemos que pola estabilidade do país estas prácticas modernas non acaben callando.

Comentarios