Opinión

Ambazonia

Leo que a parte anglófona do Camerún quer secesionarse da maioritaria parte francófona do estado e proclamou en 2017 a independencia unilateral da Ambazonia. Dende entón tense producido unha guerra de secesión no país que rara vez chama a atención dos medios de comunicación occidentais.

É un proceso de secesión que debería ter chamado a atención dos interesados no estudo dos fenómenos nacionais no mundo ou simplemente nos partidarios dun mundo poboado por un número cada vez maior de entidades políticas que rachen coa dinámica centralizadora dos grandes estados ou unidades políticas. É un conflito que, ademais, debería suscitar debate entre os sociolingüistas ao tratarse dun novo tipo de disputa lingüística, pois o conflito non é entre os falantes da lingua nativa e unha potencia colonizadora ou entre falantes de linguas nativas en conflito por causa dun deficiente proceso de descolonización senón que é unha sorte de conflito entre pobos colonizados no que cada un toma como bandeira a lingua do seu colonizador, loitando os ambazonios contra a imposición do francés nun territorio anglófono. Pero non por isto deixa de ser un conflito nacional e como tal entendo que debería ser abordado e discutido. Como debería ser suposto os USA e outros pobos anglos apoian máis ou menos discretamente aos ambazonios, ao igual co movemento irmán dos Igbos da maltratada Biafra nixeriana. Pola súa parte os franceses e seu bloque apoian de forma tácita as autoridades camerunesas. Estes apoios externos non contribúen precisamente a facer o movemento secesionista moi popular nos medios da esquerda. Pero o que fan en Ambazonia é o normal en calquera proceso deste tipo que queira ter éxito, que é o de buscar apoios relevantes fóra do seu territorio, para que apoien nos organismos internacionais a súa loita e recoñezan a nova república de ser o caso. Moitos parecen esquecer que a independencia dun pobo non é tal se non é recoñecida polos demais estados, ou máis aínda, se non o é por estados relevantes na orde mundial e de aí a importancia para calquera movemento nacional de facer relacións internacionais e buscar alianzas fóra, aínda que estas non sexan do gusto de todos.

O conflito da Ambazonia tamén nos chama a atención polo desinterese que se dá no nacionalismo galego actual, polos movementos nacionais que se dan en contextos de non fácil contextualización en termos ideolóxicos, isto é, parece que só os conflitos interpretábeis claramente en clave de esquerda e dereita son de relevancia para nós mentres que os puramente nacionais non o son tanto. Isto non sempre foi así, pois aínda lembro como no nacionalismo galego eran discutidos os procesos de descolonización, facéndose símiles coa realidade galega, e formaban parte do debate cotián nomes como os de Agostinho Neto, Amílcar Cabral, Patrice Lumumba ou Thomas Sankara, partícipes eles de conflitos en lugares para min moi remotos. Teóricos da descolonización como Albert Memmi ou Franz Fanon eran obxecto de estudo nas facultades e animaban debates no mundo do nacionalismo daquel tempo. Hoxe, pola contra, a pesar de darse moitos conflitos deste tipo en moitos espazos xeográficos do mundo non parece existir debate algún sobre eles, sexa sobre os seus acertos ou os seus erros, do que facer ou non facer e de como propoñer estratexias. Os debates no nacionalismo galego parecen ser outros, moitos deles non referidos á cuestión nacional, e acredito que non sería mala idea volver a ter en conta a evolución desta cuestión, pois non adopta esta as mesmas formas que antes, e volver a recuperar o interese polo estudo dos nacionalismos contemporáneos.

Comentarios