Opinión

Algunhas cousas que aprender do españolismo

Pola miña profesión estou familiarizado co estudo e a análise de todo tipo de idearios políticos e obrigado polo tanto a contrastalos e comparalos cos meus. De todos eles aprendín algo, ben sexa estratexia ben organización ou contidos teóricos. Ademais poden servir de contraste para comparar coas organizacións que defenden ideas próximas ás miñas. Entre esas ideoloxías das que gosto aprender está o españolismo, en todas súas variantes dende as máis extremas ás máis progresistas, porque aínda que pareza o contrario é unha ideoloxía ben exitosa e con gran capacidade de adaptación á contorna xunto cunha poderosa capacidade de mobilización, e sen ter necesariamente porque estar apoiada polo seu Estado, aínda que o está en moitas ocasións. Destacaría delas algúns trazos que me resultan moi interesantes.

O primeiro que destacaría é súa capacidade por centrar o debate político no seu territorio de acción. Isto é, ten unha capacidade enorme por definir o marco do debate situándose nunha posición central, moi por riba de debates de corte económico ou social. Por colocar un exemplo recente, na destitución de Cayetana Álvarez de Toledo resaltouse que era moi ultra e que o PP sen ela viraba cara ao centro. Esta señora é polo que se percebe nos seus escritos unha progresista no máis estrito senso da palabra e unha ilustrada radical, ao estilo de Steven Pinker. Cando foi cesada viña de propor un pacto constitucionalista co PSOE e Ciudadanos. En cuestións sociais e económicas está máis próxima a Ciudadanos e ao PSOE que ao PP. Por que entón radical? Porque combatía con moita dureza verbal o separatismo. Pedro Sánchez á súa vez é visto polas dereitas como un radical polo seu pacto cos nacionalistas. Isto quere dicir que un dos debates principais para o españolista é o da cuestión nacional. Comparemos en cambio con Galiza onde o debate, incluso no nacionalismo, está en cuestións sociais e económicas ou nos debates de novo tipo traídos pola posmodernidade. É máis, e a diferenza do caso anterior, basta con ser de esquerdas, aínda que sexan españolistas (e as galegas son conscientemente, pois teñen unha alternativa como o BNG) para a credencial, para que todo lles sexa perdoado en aras de facer pactos de “progreso”, pois en Galiza é esa dinámica a que manda en non a nacional.

Outro trazo que gostaría destacar é a súa visión proactiva da nación. Hai nacións que centran o seu discurso en festexar vitorias ou aspectos positivos e outras en lamentar derrotas e aldraxes, como os cataláns e os serbios, por exemplo. Ambas as estratexias poden dar bos resultados de cara á mobilización popular, pois recorren a emocións moi presentes en nós, pero hai que saber usalas, e isto os españolistas o fan bastante ben. O seu relato nacional adoita esquecer os aspectos máis aldraxantes da súa historia e recalca os positivos e isto adoita motivar moi ben a súa xente. A ninguén lle gusta pensar do si propio como alguén continuamente aldraxado humillado e derrotado, e ao final cala o discurso máis positivo. Ademais saben modular moi ben o discurso ao contexto e ao tempo.

O último é o ben que manteñen a unidade de elementos simbólicos como a lingua. Souberon mantela unida na norma escrita, que é a importante, e son quen de integrar todo aquilo que pareza español, dende o chicano ao sefardí, dentro do seu sistema lingüístico e manter a consciencia de ser hispanofalante. Isto último algo do que deberíamos aprender.

Comentarios