Opinión

A NATO

A imaxe que quedou do recente cumio da NATO foi a do presidente do Goberno español tentando infrutuosamente falar co recentemente escollido presidente dos Estados Unidos. Os medios españois fixeron brincadeira da cuestión pero esqueceron analizar cales eran os obxectivos finais do cumio, que eran dous, a contención de Rusia e frear a puxanza económica da China como futuro rival a nivel global. Non é tanto que desprezase a España ou o seu presidente como que o que este lle propuña non lle tiña interese. De feito Biden só tivo reunións cos representantes de Estados do antigo espazo soviético pertencentes agora á NATO e con Turquía fronteiriza con Rusia. Supoño que estarán a debater a incorporación da Ucraína a tal organización.

Esta incorporación, de facerse, contribuiría a fechar o círculo sobre a actual Rusia, iniciado xa hai un par de décadas coas chamadas "Revolucións de cores" que buscaban mudar a orientación dos Gobernos de moitas das antigas repúblicas ex-soviéticas e aliñalas cos intereses norteamericanos. Rusia quedaría deste xeito cercada por países potencialmente hostís e anularía calquera vantaxe xeoestratéxica que puidese ter no seu territorio. A incorporación na NATO serviría pois como vinganza á Ucraína pola perda de Crimea e das rexións do Donetsk, ao tempo que remata a vella estratexia dos demócratas americanos de acurralar a Rusia e ter así campo libre no Oriente Medio. Nada novo na estratexia neoimperial norteamericana que  usa as disputas rexionais para facerse cun espazo.

O problema é a NATO e que nós aínda estamos dentro dela. Os esquemas de seguranza colectiva, tanto os pasados como os presentes, non adoitan ser boa idea. Os eixos, ententes ou alianzas do pasado só serviron para estender conflitos que ben levados quedarían en pequenos choques locais, como foi o caso da Primeira Guerra Mundial, na que unha disputa entre serbios e austríacos rematou con millóns de mortos e coa propia hexemonía política de Europa que comezou dende entón a súa subordinación aos Estados Unidos de América, tanto no militar como no económico. Os modernos esquemas da NATO e até hai pouco o Pacto de Varsovia, son aínda peores se cabe. Primeiro porque teñen un carácter neoimperial dos que os antigos carecían, pois trátase máis da subordinación a un Estado imperial, os USA e no seu momento tamén a URSS, no que este marca as pautas de prioridade e os estados satélites seguen as súas instrucións.

O Estado neoimperial estabelece bases nos satélites (estes, pola contra, non poden situalas na metrópole) e estabelece privilexios xurídicos para as súas tropas alí estacionadas, como o de non poder ser xulgadas por tribunais locais. O esquema da defensa mutua contra outro imperio ameazante, que podería ter certa lóxica en tempos da guerra fría, non ten hoxe validez, dado que non existe ningunha ameaza militar críbel para os países que forman parte da alianza. A moderna Rusia, que conta cun PIB similar ao italiano, pouca capacidade bélica ten hoxe fóra das súas fronteiras como para constituír unha ameaza para os países da NATO. Bastante fai con manter o seu propio espazo e as súas cativas alianzas sen ser desestabilizado. Pero o que conseguen estes novos deseños de seguranza é facer intervir a todos os países da NATO en conflitos remotos alí onde o require o Imperio ou algún dos seus socios maiores. O resultado é que temos tropas nosas en todo tipo de conflitos polo mundo, dos que moitos nin entendemos as claves nin o contexto e temos como inimigos xentes das que pouco sabemos e nada nos fixeron.

Comentarios