Opinión

O futuro distópico de Abel Caballero

O Concello de Vigo foi -agás erro- o primeiro concello galego en aprobar a declaración de EMERXENCIA CLIMÁTICA mais tamén foi o primeiro en deixar claro que unha cousas son as declaracións e outra cumprir os compromisos.

Abel Caballero, o alcalde de Vigo, ou mellor dito ou showman da cidade máis populosa de Galiza  ven de dicir a toda a veciñanza de Vigo e a todas as persoas de “Vigo, Galicia, España y la vieja Europa” que el é político no sentido  mais pexorativo da palabra : mentireiro, populista, manipulador, megalómano, ególatra e con absoluta ausencia de empatía. Abel Caballero coa súa actitude e discurso demostra que  non pretende deixar un mundo e un Vigo mellor para as xeracións futuras. A el chégalle con que non se derrube todo antes da súa morte; manténdose -como non- instalado no centro da atención mediática  e por suposto no poder.

A campaña de nadal de promoción do CONSUMISMO  impulsada de xeito persoal polo alcalde de Vigo non deixa a case ninguén indiferente. A maioría dos vigueses e viguesas  aplauden a actitude e o discurso do seu alcalde ate bordear  un comportamento mais propio de membros dunha seita que a de cidadáns libres, intelixentes e críticos. A esta maioría dálle igual o que o seu líder diga ou faga e, ademais,  considera que ter unha postura crítica coa programación municipal do nadal sitúate no anti-viguesismo. A imaxe de millares de persoas adultas aplaudindo e apampando diante do prendido dunhas lámpadas  fainos dubidar se estamos na época das pantallas dixitais ou se demos un salto temporal cara atrás e estamos nos inicios da chegada da iluminación eléctrica. Pregúntome eu se a histeria colectiva na que se instalou unha boa parte da veciñanza de Vigo non os levara a soprar as lámpadas coa intención de apagalas como se de candeas se tratase, tal e como se di que fixeron moitas persoas cando ollaron lámpadas acendidas por primeira vez. Despois está a minoría local que coincidindo coa maioría dos non vigueses escandalizámonos non só co malgasto dos cartos municipais en facer publicidade e favorecer as grandes empresas instaladas no centro de Vigo, senón tamén coa  bochornosa posta en escena que fixo o showman é presidente da Federación Española de Municipios e Provincias intentando competir, igualar e mesmo gañar a cidades como New York. Para darse conta do ridículo da carreira internacional na que se obrigou a participar á veciñanza de Vigo chega con dicir que New York ter aproximadamente 20.000.000 de habitantes é un presuposto que ronda os 85.000 millóns de dólares/ano. Está cidade gasta máis na súa iluminación do nadal que orzamento ten a cidade de Vigo para todo un ano. Abel -o Showman de Vigo- rise dos seus veciños e veciñas facéndolles crer que grazas a el e as súas lámpadas  a cidade de Vigo xoga na mesma liga internacional que cidades como París ou a mesma NY.

Abel Caballero coa súa actitude o único que fai e fomentar o consumismo e o malgasto enerxético o que supón contaminación e esgotamento dos recursos non renovables. Abel Caballero e os seus fans deberían saber que hai un consumo enerxético -polo tanto de emisións de CO2- que se  chama enerxía embebida que non é outra cousa que o consumo enerxético necesario para a fabricación dun ben. Case sempre este consumo enerxético no proceso de fabricación chega a superar varias veces a enerxía consumida por ese mesmo ben/artiluxio na súa vida útil.

De facer caso á irresponsabilidade medioambiental e co clima a que nos chama e mesmo incita Abel Caballero e outros moitos alcaldes lograremos que  a finais deste século o planeta teña uns 6 grados mais de temperatura media. Este incremento de temperatura terá feito que a corrente mariña do golfo de México teña desaparecido facendo que as temperaturas de Europa sexan similares ás da cidade de NY e do Canada. Son as que nos corresponden por latitude. Grazas as actitudes que Abel Caballero  -Alcalde de Vigo e presidente da Federación Española de Municipios e Provincias- fomenta teremos logrado que a finais de século todos os municipios e provincias do interior da península sexan un deserto. As do sur correran unha sorte similar agás os situados na zona litoral. En Murcia as temperaturas serán tan elevadas que a vida da persoas non será compatible. Iso si a finais de século nin Abel Caballero nin eu  teremos que preocuparnos das mortes por golpes de calor, pois xa non estaremos aquí. Do que si teremos que preocuparnos os que vivamos entorno ao 2050 será da falta mundial de alimentos, de millóns de desprazamentos e de conflitos sociais e militares que sendo supostamente políticos serán produto do caos climático no que estará instalado o noso planeta.

Abel Caballero o que realmente debería de dicir, coa fachenda de superioridade que o caracteriza é que a súa intención final é un FUTURO DISTÓPICO  que converta a parte baixa de Vigo –aquela que se sitúa por debaixo dos 20 metros do actúa nivel do mar- nunha especie de Venecia, ao mesmo tempo que se destrúe esta cidade Italiana, para evitar competencia. Seguramente que no FUTURO DISTÓPICO que Abel Caballero pretende para “Vigo, Galicia, España, la vieja Europa y todo el Planeta”  a “futura Venecia de Vigo” creara  centos de novos postos de traballo e riqueza económica ao igual que o fai actualmente  a prostitución, a trata de persoas, o narcotráfico, a venda de armamento militar, o tráfico de órganos e tantas outras actividades clandestinas ou non que moven millóns de euros a costa da liberdade, dignidade,  vida e futuro das persoas.

O problema político que existe hoxe no tócante  ao clima non ven da man dos negacionistas, dos Donald Trump, senón que ven da man do discurso e das actitudes dos Abel Caballero. Persoas estás que din asumir a emerxencia climática mais que despreza e negan coa súa actitude as consecuencias desastrosas que os informes científicos vaticinan que veñen aparelladas a este feito. Pensan e din desde o privilexio do seu posto de poder que a mudanza climática só significan mais meses de verán e unha temperatura un pouco máis elevada. Os Abel Caballero ignoran que a súa calidade de vida está baseada en que as xeracións pasadas se esforzaron en deixar unha vida mais fácil aos que lles seguían. Xustamente o contrario do que eles están facendo. O que están facendo non é outra cousa que roubarlle o futuro as xeracións dos actuais nenos e nenas só co obxectivo do momento mediático, de manterse no poder ou co deleite infantil do acendido dunhas lámpadas e do consumismo exacerbado,

Señor Abel Caballero, se mo permite, vóolle dar unha suxestión retranqueira para que organice un final de nadal acorde co seu despropósito consumista. Finalice a realidade distópica na que instalou a súa cidade  facendo un evento final que consista en prender lume nunha gran fogueira todos os plásticos, papeis e embalaxes diversos que a veciñanza de “Vigo, Galicia y el estranjero” vai acumular durante estes 2 meses de “gasolina á vena” e desenfreo consumista. Non se corte. Sexa pro-activo na construción do FUTURO DISTÓPICO;  desa futura “Venecia Viguesa” de rúas conxeladas no inverno. Nelas patinaran os seus descendentes. E como colofón faga unha conta atrás coreada por unha multitude de fans e groupies 10, 9, 8, 7, 6 ,5, 4,  3,2, 1 soprido colectivo e apagado de luces. “No se olviden ustedes de consumir cosas inservibles para generar puestos de trabajo y hasta el año que viene”

Comentarios