Opinión

Volver a palabra

Escribo coa respiración deste día que inaugura a rutina do aninovo, co contador dos nosos pasos a 0, após os latexos consumistas revolucionados en que o despropósito nos guiou polos encontros sociais en terrazas de xiada inverneira disimuladamente calefactada, pola valoración do decorado de nadal segundo o tamaño das bólas ou pola distancia quilométrica que cegou a contaminación lumínica.

Porque a cantidade do desproporcionado importa en titulares e a calidade do medido con criterio aínda pode agardar entre liñas, nas marxes.

Escribo coa secuencia de imaxes reiteradas como cadea de despropósitos infames que nunca deberon acontecer nas sesións de investidura da presidencia do Goberno do Estado español en que a ideoloxía máis retrógrada amosou, sen temor a arroibar, a firme negativa a un futuro máis equitativo e respectuoso coa diversidade social e territorial.

A ira da dereita (en combate dialéctico con cadanseu retrovisor embazado de raíces reafirmadamente ultraconservadoras e fascistas) desprezou, nesa Casa da Palabra en diálogo que debe ser o Parlamento, a democracia, os dereitos e as liberdades públicas, así como a cohesión territorial desde o recoñecemento do feito diferencial nacional, mesmo no voto das e dos deputados electos para representaren intereses galegos.

A historia sempre nos (a)volve, como neste 7 de xaneiro, no 70 cabodano de Castelao, semente que agroma en presente continuo nas verbas do seu Sempre en Galiza:

Son galegos e non conciben que Galiza poida salvarse c-unha política honrada. Son galegos e non saben que Galiza necesita unha política súa, para conquerir o desenrolo normal da súa economía. Son galegos e non se decatan da necesidade d-unha política que garantice a vida da nosa cultura. Son galegos e non saben que temos un destiño hestórico que comprir, na Hespaña e no mundo”.

Estes son os que din:

- Eu non sinto a necesidade de falar galego (porque esa necesidade non se sente no bandullo)"

Obrigada, Néstor Rego, por nos volveres a palabra.

Comentarios