Opinión

En vías de extinción

Remato a lectura de En vías de extinción de María Reimóndez coa sensación de ter prendido nas múltiples pólas enredadas nesta fraga propia, que non en propiedade, que nos acolle na súa estrutura interna.

O convencional reparto capitular cede o paso aquí á sucesión de espazos ambientais presididos polo toxo, a abeleira, a uz, o carballo, o acivro, o pradairo e o castiñeiro, arbustos e árbores naturais de bosques mixtos que nos ubican nunha próxima rica terra natural vizosa.

Remato a lectura de En vías de extinción de María Reimóndez coa sensación de ter prendido nas múltiples pólas enredadas nesta fraga propia, que non en propiedade, que nos acolle na súa estrutura interna.

O convencional reparto capitular cede o paso aquí á sucesión de espazos ambientais presididos polo toxo, a abeleira, a uz, o carballo, o acivro, o pradairo e o castiñeiro, arbustos e árbores naturais de bosques mixtos que nos ubican nunha próxima rica terra natural vizosa.

E en cada referente arbóreo Mariña-Gaia fíncase desde a convicción que preside a razón de ser e estar na palabra e nas actuacións que lle son propias a un personaxe firme, rexo, consciente, coherente e por iso mesmo incómodo para certos filtros sociais.

"Gaia defínese lesbiana, feminista e nacionalista, anatemas que habitan de costas viradas para un sector da poboación ou nunha ubicación marxinal extrema intolerábel no cínico xogo da confusión da diversidade que outros maquinan"

Abre o pano do escenario literario e asistimos ao proceso de formación das vetas sucesivas dunha Mariña nada á caloriña do gando; criada na montaña lucense, entre o amor comprensivo que provoca o coñecemento e a interrelación co medio natural e as marcas dunha escola uniformizadora e, asemade, castra(piza)dora; alimentada na superación de fronteiras lingüísticas en veráns de aprendizaxe anglófona, grazas ás escapadas que a sacrificada renuncia familiar colectiva permiten e á licenciatura posterior na Facultade de Tradución e Interpretación de Vigo, esa profesión chave mestra que abre tantas portas para desvendar mentiras e ignorancias estancas; reconfortada na súa natural evolución interna ao descubrir sensacións e necesidades que a obrigan a ser fiel a si propia e dar pasos adiante na súa relación coa cantante de maior éxito e recoñecemento, MK; reconfirmada en sucesión de principios irrenunciábeis que definitivamente identifican a Gaia madura e nos que con seguridade se recoñece, porque como ela di: Toda árbore precisa raíces.

Sucesión de vetas ou raíces de substrato hipodérmico nunha muller que está a se construír dun xeito que a outra ollada determinista sempre xulgará como diferente, rara, estraña, excéntrica, túzara e allea para teimar por se negar a recoñecer até a extinguir do grupo da normalidade oficial. 

Gaia defínese lesbiana, feminista e nacionalista, anatemas que habitan de costas viradas para un sector da poboación ou nunha ubicación marxinal extrema intolerábel no cínico xogo da confusión da diversidade que outros maquinan, de non ser por estar ela ben enraizada desde unha cerna compacta e segura, desde ese espazo de referencia onde a fortaleza da nai, da terra e da lingua son horizonte despexado para se afincar sen dúbidas. Na cerna e desde a cerna, no lugar onde non hai xogos nin trampas nin cartóns nin rexeitamentos nin centros nin periferias.

"Destila valentía a escrita de María Reimóndez, ao tempo que honradez e compromiso co seu tempo, que tamén é o noso, para, máis unha vez, dar luz á penumbra deformadora dos complexos e censuras sociais"

Aguillóanos a voz de Gaia, lingua férrea que fala de presente para nos interrogar respostas de futuro. Nada é alleo á súa miraxe crítica e comprometida, non caben disimulos nin fuxidas cara adiante. Desde a conciencia comprometida que acredita na invalidez de calquera reflexión teórica sen a súa coherente práctica inmedita, Gaia debrúzanos perante a rede hipnotizadora das espurias entrevistas lixo onde o morbo ocupa a cadeira do respecto e da intelixencia, das mentiras daqueles hilillos que, no canto de coseren, fenderon a costa galega e as súas xentes, na irracionalidade do consumismo devastador e insostíbel que custa vidas humanas, na invisibilidade do idioma propio por parte dos seus falantes, ignorantes da súa inmensidade na pluralidade da comunicación a cores, e representado aquí nun facilmente recoñecíbel marco lingüístico diglósico, no que ora a protagonista ora a voz narradora vogan entre o dominio da norma estándar e a variante dialectal oriental de Gaia, acrecentando o valor realista e críbel das relacións familiares e amicais de grande importancia que se describen.

Aseméllanos En vías de extinción esa redonda circular da que fan parte os territorios que se consideran a centralidade convencionalmente asumida, cunha ollada anacrónica sempre vixente e condicionadora determinante, e mais as marxes, toleradas subrepticiamente e olladas sempre de esguello nun perímetro politicamente correcto programado para mediar cara á súa extinción definitiva.

Mais, con todo, hai nesta nova entrega narrativa de María Reimóndez un espazo irrenunciábel para a acción positiva que promova a negación da condena ao silencio final: a confluencia de mans en común a prol dunha sociedade máis respectuosa e libre, onde non caiban nostalxias de inmobilización amedrentadora.

O presente precisa de nós, en cada momento. Precisa da nosa atención, da nosa implicación coas causas e coas cousas, da nosa enerxía total (…) A nostalxia fainos esquecer con todo ese mofo e couza que o pasado é raíz do presente. 

Destila valentía a escrita de María Reimóndez, ao tempo que honradez e compromiso co seu tempo, que tamén é o noso, para, máis unha vez, dar luz á penumbra deformadora dos complexos e censuras sociais, dos modelos asimétricos aceptados hipocritamente, sen cerna, sen raíz autentificadora, porque, apropiándonos máis unha vez das súas palabras,

Unha póla, unha folla, unha flor, poden morrer e nada lle pasa á arbore. Pero as raíces teñen que estar, por definición, vivas.

Comentarios