Opinión

Versos pintados no pupitre

Versos pintados no pupitre era o suxestivo título con que as III Xornadas de Literatura e Ensino, organizadas pola AELG, convocaron o pasado 13 e 14 de decembro un auditorio amplo, maioritariamente docente, isto é, profesionais que ofrecen o seu tempo persoal e horario non laboral para a actualización formativa individual orientada á mellora da aprendizaxe colectiva do alumnado.

Versos pintados no pupitre era o suxestivo título con que as III Xornadas de Literatura e Ensino, organizadas pola AELG, convocaron o pasado 13 e 14 de decembro un auditorio amplo, maioritariamente docente, isto é, profesionais que ofrecen o seu tempo persoal e horario non laboral para a actualización formativa individual orientada á mellora da aprendizaxe colectiva do alumnado.

Entre os obxectivos enunciados no programa das xornadas sobranceariamos estes cinco:

  1. Pór en valor a literatura galega como ferramenta necesaria, extensiva e útil para a adquisición da competencia lingüística, nomeadamente do inicial proceso lectoescritor e mais da progresiva capacidade comprensiva, así como para fuxir da racionalidade e abrir os cuartos das emocións e as portas da imaxinación á procura de respostas aos nosos porqués.
  2. Reflexionar sobre a necesaria revisión das propostas metodolóxicas empregadas na aula para a transmisión da literatura e máis concretamente da poesía.
  3. Ofrecer propostas metodolóxicas basedas na perspectiva innovadora que propoñan solucións prácticas, xa contrastadas exitosamente nos centros de ensino, ao promoveren plans (inter)activos, participativos, desde un enfoque comunicativo e adecuados ao tempo presente.
  4. Partillar e debater directamente sobre orientacións e estratexias de achegamento da linguaxe poética para a infancia e mocidade xunto con escritores e escritoras da literatura galega e mais coas figuras mediadoras. 
  5. Concienciarse da necesidade de estimular creativamente, na expresión escrita, o alumnado de hoxe que, necesariamente, han ser os escritores e escritoras de mañá.

Xosé Mª Alvarez Cáccamo presentou algunhas claves para definir a poesía infantil como suxeito de primeira categoría en que recoñecer un instrumento poderoso para as crianzas seren copartícipes da lectura, desde a conformación da emotividade como obxectivo nuclear.

Fran Alonso, Elvira Riveiro e Antonio García Teijeiro, desde a perspectiva autorial e a experiencia profesional, testemuñaron que o club d@s poetas viv@s vive e revive xeracionalmente.

Montse Penas, Anxos Rial e Romina Val achegáronnos lecturas, tarefas, propostas e recursos cos que ensaiar a poesía na aula; multitude de versos enredados que non deixa de amplificar  a súa expansividade na rede onde a adolescencia se sente tan cómoda.

Antonio Reigosa falou da E-Memoria ao presentar a conciliación da literatura popular de tradición oral coa internet e a tecnoloxía, un potencial recurso multidisciplinar que ofrece a Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG.

E como ningunha teoría pode ser avaliada sen unha boa práctica de contraste, os obradoiros de expresión escrita impartidos polas poetas Antía Otero,  Dores Tembrás e Carlos Negro, debullaron técnicas para transformar as aulas en espazos abertos ao corazón, para devorar a vida tamén verso a verso.
Ningún mellor remate para estas dúas completas sesións de formación e convivio que escoitar os sempre actuais versos de Rosalía de Castro en voces e sons tan diferentes e alternativos como os de Aid, Najsla Shami e Uxía.

E como todo proxecto precisa de reflexión e síntese, de valoración para pensar en abrir xa o camiño dunhas novas xornadas que provoquen o noso reencontro, as nosas persoais conclusións, nadas da suma de palabras e experiencias alí partilladas, non se fixeron agardar.

A poesía non morde, traba! Aprende as crianzas, avolve a rúa e pon educación a algún policía.
@s poetas están moi viv@s e dispost@s a nos enredaren con versos.
A poesía non cotiza en bolsa, mais si no mercado de valores.
A poesía está e encóntranos sempre, só cómpre abrirmos esa caixa de caramelos coa que alguén te ha agasallar.
A poesía é unha fonte de pracer e o seu consumo está altamente recomendado en tempos de crise.
A poesía serve para falar, para escoitar, cantar e sentir; a poesía fainos sentipensantes. 
A poesía habita as redes para se visibilizar e ofrecerse como modelo compañeiro.
A poesía favorece a cohesión interna e externa.
A poesía é parella de baile...

              é luz da memoria...
              é compañeira do riso...
              é provocadora de cóxegas...

Comentarios