Opinión

Veraneantes alucinóxinos

Agardamos as novas da volta do verán con atención parella ás de comezos do ano novo.

 

Agardamos as novas da volta do verán con atención parella ás de comezos do ano novo. Semella que eses intervalos temporais, con maior ou menor parada de descanso e troco de rutinas, en función dese cada vez máis cativo  e reducido dereito, que non privilexio, que é o noso traballo, obrigan a remudar os tempos e con eles as nosas expectativas.

No meu caso, como profesional do ensino, cada primeiro de setembro me fala dun ano novo na roda da vida ao que cómpre despecharlle as contras e abrirlle as portas a renovadas ilusións e retos docentes coa mocidade, caixa de sorpresas para min malia ser moitas veces alcumada como caixón de xastre e, como non, baño de realidade que nos permite ir alén de superficiais conversas opinadoras sabelotodo de café ou titulares mediáticos que pretenden ser obxectivamente rigorosos.

E falando –ou, mellor dito, escribindo- de titulares mediáticos, percibín no día a día xornalístico que o verán non daba tregua e o descanso non achaba acougo. 

Nin aos excesos de calores hipnóticas estivais polo noroeste peninsular puidemos culpabilizar para xustificar o noso desconcerto ante a realidade ao vivo e sen plasma que fomos dixerindo neste noso país.

"Pregúntase, por exemplo, un titular da prensa que se dá en chamar galega se Galiza pode manter un 30% de pensionistas"

Mais, falando de culpas –por mi culpa, por mi culpa, por mi grandísima culpa…- ben sabemos que entoar o mea culpa desde a responsabilidade política galega caeu en desuso e foi substituído pola culpa do chachachá, da bachata e do merengue verbeneiro ou da rumba –catalana, of course!

Pregúntase, por exemplo, un titular da prensa que se dá en chamar galega se Galiza pode manter un 30% de pensionistas. De certo a pregunta é seria e preocupante, mais a resposta xa a deu hai un tempiño o FMI cando afirmou que a xente –ai, a xentiña!- vive demasiado e iso pon en risco a economía, polo que cómpre facer algo xa con estas clases que oficialmente se chaman pasivas.

A Consellaría de Sanidade xa se arremangou implicándose de xeito ben resolutivo na anulación de case cinco mil operacións programadas en 2014, mesmo nalgún caso recente co paciente anestesiado, ou dificultando o acceso a medicacións por razón de economía doméstica ou mesmo poñendo a proba a carteira –a paciencia xa nin lembramos onde ficou!- de pacientes e acompañantes no novo hospital de Vigo, proba contrastada de quen entende a acción política en materia de saúde pública como un negocio privado e, polo tanto, un dereito restrinxido a quen pode pagalo en boa medida.

Axudará tamén ao exterminio social programado o fomento de contratos por horas ou de menos dunha semana que confirma outro titular, pois anulan calquera capacidade de emprendemento dunha vida persoal e familiar ascendente que dificulta a imprescindíbel renovación demográfica que asine o futuro do país. Será, logo, que alguén está a planear o non futuro de noso? 

"Decontado nos vemos nunha especie de Sanxenxo Beach buligante, onde vai un sol de carallo, reproducido maiormente por toda a extensa costa galega"

Poderiamos, no entanto, ler alegremente e respirar profundo con aqueloutro titular alternativo que verifica que a poboación aumenta en Galiza no verán en 1,4 millóns. Decontado nos vemos nunha especie de Sanxenxo Beach buligante, onde vai un sol de carallo, reproducido maiormente por toda a extensa costa galega, mais tamén polo interior, ateigado de vida solvente de turistas internacionais, nacionais propietarios de segundas residencias e demais especialistas no poderoso dolce far niente. O espellismo quebra de súpeto cando lemos que boa parte desa poboación retornada provisionalmente é esa clase traballadora e a mocidade galega mellor preparada da historia que previamente expulsamos por falta de obxectivos e oportunidades.

Mais volve o acougo ao ver a riqueza sobrada esta que temos que nos permite fotografar litros e litros de leite derramado polo chan rural ou agasallado no cemento urbano ou eses centos de quilos de peixe tirado novamente ao mar. Menos mal que todo vai camiño de se solucionar, incluso sen que o goberno galego teña que interromper a súa axenda diaria. O Ministerio de Agricultura español descubriu e puxo prezo como resposta para o noso dito popular a vaquiña polo que vale. 300 euros por cabeza e todo arranxado! 

Xa se sabe que unha ínfima subvención ao estilo de pan para hoxe e fame para mañá é xusto o que se procura e vindo ben viaxada e aprendida desde a capital madrileña, onde vai parar!

"Xa se sabe que en boca pechada non entran subvencións. Por iso hai que viaxar e pasear con fachenda, moito pasear, como verdadeiros turistas patrióticos"

Xa se sabe que en boca pechada non entran subvencións. Por iso hai que viaxar e pasear con fachenda, moito pasear, como verdadeiros turistas patrióticos, orgullosos de que a súa diferenza sexa ocupar as rúas con redes do xeito ou con tractores, mesmo correndo o risco de que as malas linguas empresariais definan os gandeiros como festeiros con moita marcha, confundindo o seu comprometido turismo nacional percorrendo o país desde Vilalba e Chantada até Lalín, desde Lugo até Santiago, con incomprensíbeis actuacións politizadas e manipuladas polos sindicatos agrarios. Xa só faltaba que as traballadoras do campo tivesen dereitos mínimos recoñecidos e vacacións!

Dei en imaxinar en procesión os tractores que sustentan a economía galega, a flota pesqueira, os traballadores de asteleiros, os agónicos comerciantes tradicionais, a cidadanía expulsa nesa reiterada viaxe xeracional ao estranxeiro e a tranquilidade, cando a angustiosa percepción da derrota colectiva era máxima, chegou das palabras do Conselleiro de Economía e Industria que afirmaban: “Estamos poniendo a Galicia en el mapa mundial de la aeronáutica”. Vaites! O problema vaise arranxar polo aire ou polo vento, que tanto ten, se cadra este é quen de levar tanto a ineptitude para o resolver como as palabras.

Arranxar arránxase todo, menos a morte, ben o di a sabedoría da resignación popular, mais o que se precisa é dar con solucións innovadoras, ocorrentes, imaxinativas. Velaí o futuro adivinatorio! Reparen, senón, na solución ás brétemas impertinentes da A8 no tramo que discorre entre Abadín e Mondoñedo. Ventiladores, aspiradores, láser e ultrasons barállanse como opcións para desterraren as brétemas que xa estaban aí antes da invasión asfáltica. Sen dúbida, propostas ben acaídas e propias da cunqueiriana selva de Esmelle!

“Están llevando a Galicia al límite de sus fuerzas”. Este foi o titular veraniego de maior impacto para min, confeso. Por unha vez vin reflectido nel os meus pensamentos e sentimentos. Sabía que non estaba enganada, sabía que era perfectamente visíbel con dar unha ollada ao noso redor, o sufrimento do pobo desde todas as perspectivas convive connosco, polo que era preciso un titular así, sobre todo nesa prensa que amplifica, con voz acrítica, ollos cegos e ouvidos xordos, o monólogo ou soliloquio do goberno da Xunta de Galiza.

"É nesta altura cando a miña mente retrata a imaxe dunha camiseta do Reizentolo co lema 'Somos unha ración'"

Procurei a autoría desas palabras con ansia para recoñecer a quen me lera o pensamento, mais como a ilusión na casa do pobre dura moi pouco, os lentes de contacto axudáronme a descubrir que quen sentenciaba así era o propio Feijóo a respecto dos incendios, o presidente galego in absentia en todos os momentos conflitivos para a sociedade galega, experto cum laudem en culpabilizar sempre a alguén do que acontece ad absurdum.

Mais imos ir pechando o que xa pode parecer un Blablabla ou Blabacar, aínda que agardo que se xa teñen abandonado a lectura non fose por eu pensar, falar e escribir en galego.

É nesta altura cando a miña mente retrata a imaxe dunha camiseta do Reizentolo co lema “Somos unha ración” e penso que hai alguén por aí que non entende o seu dobre sentido e só é quen de o aplicar en termos políticos á semántica literal, polo que só nos considera un anaco, un fragmento incapaz de habitar o mundo de xeito propio e independente. 

Esquecen, ignorantemente ou a mantenta, que imos moito máis aló da iconografía da ración de polbo e que tamén queremos ser nación.
 
Ai, o poder dunha simple letra, a comuñón entre unha vibrante e unha nasal!

Pois xa sabemos que se o problema é do E –España, Europa-, daquela apoñámoslle un punto G á nosa vida!

Comentarios