Opinión

Vente vinte, vente vindo

Chegamos ao segundo día grande deste aninovo, data marcada para sempre no noso imaxinario colectivo, entre estas páxinas impresas que trazan un antes e un despois.

Celebramos este punto de encontro lector na textura das mans e nas olladas cómplices, porque conseguimos un froito maduro grazas ao inxente e xeneroso esforzo dun equipo de traballo que o veu xestando, con rigor, nos últimos anos e á empatía colectiva que acreditou responsabelmente na necesidade de volvermos ter un medio de comunicación propio, de noso, que fale de e desde Nós.

Desde Nós saudamos expectantes o inicio dunha nova década deste século que se resiste a avanzar nos valores da pluralidade e diversidade, mais este espazo de visibilidade tirado ás tebras é boa mostra das nosas posibilidades cando acreditamos en Nós, en abranguente plural colectivo e integrador.

Sentimos en Nós o acompañamento da chiscadela do tempo herdado, daqueles días, xa centenarios, en que o abrente chamaba na porta dos nosos felices anos 20.

Hai cen anos o latexo da Revista Nós pulaba pola galeguidade toda nas súas múltiples expresións culturais e presentábase ao público como a representación no mundo da personalidade galega na sua ansia de s'afirmare coma valor universal, autóctono, diferenciado, dentro ou fora da Terra.

Mudaron os tempos mais as vontades aínda demandan de Nós implicación activa no que sentimos como primeiro gran proxecto colectivo galego nado nesta década de brétemas inmobilizadoras e gañado ao silencio negacionista.

E tamén, como hai cen anos, desde a confianza de que todal-as forzas do esprito están conosco, de que imos trunfar por sermos nós, por sermos galegos, e por seren o Tempo e o Mundo os que o piden.

Pra ledicia de todos e pra enseño de moitos, sai oxe Nós, verbalizamos de novo nun coro a viva voz. E sentímonos máis felices e confortados para este aninovo que como alborada rosaliana agarda por Nós desde estas páxinas de Nós Diario.

Vente vinte! Vente vindo! Benvido!

Comentarios