Opinión

Un computador non é unha aula

Un computador non é unha aula. Unha casa non é unha escola e un troco de tarefas didácticas por vía telemática nada teñen a ver co dinámico, socializador e interactivo proceso de ensino-aprendizaxe.

Unha avaliación non é só unha cualificación numérica, senón resultado da adquisición de competencias, o que supón a combinación de habilidades prácticas, coñecementos, motivación, valores éticos, actitudes, emocións e outros compoñentes sociais e de comportamento.

Esta aprendizaxe baseada en competencias caracterízase polo enfoque integral, continuo, formativo e colaborativo, onde entran en xogo, para alén dos contidos aprendidos, os procedementos e instrumentos de aprendizaxe, graduado con medidas de reforzo e adaptacións curriculares significativas conforme a diversidade real que convive nunha aula.

A consellería garantirá o dereito dos alumnos e das alumnas a unha avaliación obxectiva e a que a súa dedicación, o seu esforzo e o seu rendemento se valoren e se recoñezan con obxectividade, para o que establecerá os oportunos procedementos.

A casa é un espazo de traballo para profesorado e alumnado, como a propia aula, o centro educativo na súa totalidade e o propio contorno.

Pretender substituílo por un computador con acceso a unha boa conexión á rede, desde un criterio homoxéneo que arromba unha parte do alumnado á invisibilidade e o desamparo é un criterio ben pouco educativo desde os valores da obxectividade, rendemento, xustiza e equidade.

O coronavirus puxo punto e final ao curso académico e obriga a reflexionar na transición cara ao seguinte. Agora é momento de acompañar o alumnado neste tempo que en moitas casas suman carencias sanitarias, económicas, laborais, emocionais. 

Demandamos do goberno que non nos obrigue a empregalo como criterio de avaliación selectivo, convertendo a fin de curso escolar nunha nova loita de clases onde gañan e perden historicamente os mesmos.

Comentarios