Opinión

Todo o que queda é o amor

Escribo hoxe cunha estraña e tensa friaxe nos dedos sabendo, benquerido Agustín, que será este o primeiro monólogo co que debo aprender a medir un novo tempo gobernado pola túa ausencia física en calquera encontro agardado, polo non recepción dun novo correo en negriña na caixa de entrada ou dun novo bocado na conversa de whatsapp detida xa para sempre e que remata cun teu “Apertas para os catro”. Tampouco o 986 … … me volverá a túa voz afábel, a túa conversa amena, locuaz, serena, cómplice, animosa, alentadora, observadora e criticamente analítica ante tantas preocupacións e ansias compartidas.

Deberemos aprender a administrar o silencio, sempre xa a estrañar a resposta aos nosos interrogantes. Que pensaría Agustín? Como respondería Agustín?

Mais a palabra de Agustín Fernández Paz ficou sementada en máis de 60 obras literarias, nomeadamente de narrativa infantil e xuvenil, mais tamén como pioneiro pensador e analista ao redor da imprescindíbel dinamización e animación á lectura ou como vertebrador de referenciais propostas e proxectos de normalización e planificación lingüística no ensino, que tanta luz deitaron nas nosas aprendizaxes até o 2010, en que as sombras oficiais pairaron arteiramente para involucionaren o necesario proceso de normalización do galego.

Que pensaría Agustín? Como respondería Agustín?

A túa voz afouta e insubornábel, inquebrantábel militante na ética, galego comprometido cos valores humanos universais, escritor consciente da súa centralidade no mundo desde Vilalba, Vigo e a Galiza toda, mestre das novas xeracións de escritoras e escritores, defensor da práctica real do consenso, amigo sempre xeneroso, fica en nós a través da túa práctica exemplar recollida nunha entrega á escrita que rachou os marcos invisibilizadores da literatura infantoxuvenil galega, como un xénero literario maior, vestido de gala.

Velaquí o reto persoal alcanzado: converter, a contrafío, en realidade visíbel, tanxíbel e veraz unha literatura infantoxuvenil propia, contada para o mundo en galego, contada desde nós, mais con vocación de universalidade.

Velaquí o reto persoal alcanzado: converter, a contrafío, en realidade visíbel, tanxíbel e veraz unha literatura infantoxuvenil propia

Porque ti, amigo benquerido e admirado mestre, arrombaches a diglosia errática e paralizante e aceptaches, sen prexuízos, a lingua propia, o galego, para nos guiares por multitude de viaxes reais e imaxinarias, itinerarios trazados en presente, pasado e futuro, da man de personaxes novos e adultos, mesmo daquelas que semellan non existiren.

Na obra narrativa de Agustín, unha sensibilidade exquisita provocou que as mulleres, as mozas e as nenas tamén se convertesen en personaxes activas e heroínas desenmascadoras merecentes do primeiro plano do relato, nunha evidente aposta metonímica pola agardada igualdade tamén de xénero na que acreditabas.

O escritor máis lido, recoñecido e querido polo lectorado, traducido a linguas próximas e afastadas de nós, gráfica, cultural e xeograficamente, que moi pronto chegará aos 100.000 exemplares vendidos da súa obra Cartas de inverno e será celebrado cunha edición especial pola Editorial Xerais, tense convertido para as profesionais da docencia nun referente do proceso de formación lectora das novas xeracións.

O escritor máis premiado, dentro e fóra do país, actual candidato ao Premio Nobel, a instancias da AELG, nunca cedeu ao seu natural centro de gravidade espazotemporal e o humanismo, a dignidade e certa modesta humildade, que apenas acae naturalmente ás máis grandes persoas, sempre bailada nos acordes dun sorriso sincero e de expresións retranqueiras, presidiron as formas e os xestos dunha personalidade coherente e de convicción asentada nuns sólidos principios morais que nos contaxiaba.

Por tanto e por todo te queriamos e admirabamos. Cada unha de nós estrañarate desde unha ou varias facetas do teu universo persoal e creativo, cada unha de nós medirá a quilométrica ausencia debullando os fíos da memoria aprendida canda ti e ao teu paso.

Por tanto e por todo te queriamos e admirabamos. Cada unha de nós estrañarate desde unha ou varias facetas do teu universo persoal e creativo

Ficamos tocas sen esa man amiga que nos axudaba a mediar na descuberta da lectura á infancia e á mocidade. Ficamos orfas sen as túas palabras de ánimo resistente e sempre construtivo ante o declive da nosa lingua amparado con rango de legalidade oficial.

O loito pola perda dun grande escritor de noso ha procurar o alivio na lectura das túas páxinas, ao tomaren as nosas mans as palabras de Sara, Branca, Beatriz, Marta, Daniela, Alba, Zeralda, Brenda, Diana, Clara, Khoedi, Raquel e de tantos outros ecos nados de ti para nós.

Visitaremos o noso álbum de lembranzas persoais, esa necesaria aperta das palabras que agroman para trascender e confirmar a honra da túa compaña amiga.

Deica a próxima parada de reencontro, meu admirado amigo e profesor! 

Grazas por estares sempre tan perto para nos aprenderes que todo o que queda é o amor!

Comentarios