Opinión

Rosalía de Castro, da libraría á rúa

O 28 de decembro celébrase o Día das Librarías, eses espazos ágora que nos axudan a aprender a ler en liberdade entre liñas ou versos encabalgados, desde as marxes, en branco e negro ou con iconografía ilustradora multicor.

O 28 de decembro celébrase o Día das Librarías, eses espazos ágora que nos axudan a aprender a ler en liberdade entre liñas ou versos encabalgados, desde as marxes, en branco e negro ou con iconografía ilustradora multicor.

"Black Friday, un novo chanzo na estranguladora moda colonizadora ianqui que nos segue a invadir e agardemos que a non educar no caos e na barbarie hooligan que xa está a caracterizar o afán ultracomprador da xornada no mundo anglosaxón"

Seguramente haberá quen por estas liñas pasee hoxe que, coma min, non percibiu ningunha alerta ante tal ocasión no seu arredor nin nos medios de comunicación, especialmente neses que nos informan de todo menos do que verdadeiramente acontece ao pé de nós. Nin tan sequera soubemos dun comunicado oficial que aproveitase os titulares que a efemérede ofrecía para presentar, como é a moda, paquetes de medidas de impulso para estas pequeñas empresas familiares, na súa maioría, que están a sofrer a crise económica e, sobre todo, a crise de valores éticos e culturais.

Pola contra, con certeza, si batemos en todas as direccións con outra recén inventada efemérede, ese hiperanunciado consumista Black Friday, un novo chanzo na estranguladora moda colonizadora ianqui que nos segue a invadir e agardemos que a non educar no caos e na barbarie hooligan que xa está a caracterizar o afán ultracomprador da xornada no mundo anglosaxón. Non quero imaxinar unha parte da opinión pública se a campaña de estimulación de compras se chamase Venres Negro…

Mais contornemos este novo carimbo exterior Made in… para retomar o debate interior sobre a atención ao noso Día das Librarías. 

Porque o teórico apoio indisociábel ao libro e á lectura ou o que é o mesmo, ao ensanchamento formativo cultural da sociedade galega, estase a medir na práctica diaria no progresivo reconto de librarías que pechan ou minguan significativamente a súa oferta ao público; no continuado descenso do número de publicacións que restrinxen a divulgación de obras diversas que enriquezan a construción do canon actual; na sinatura de certificados de defunción de premios literarios; na renuncia á aposta retroalimentadora entre sistemas literarios que, como unha oportunidade, ofrece a tradución; na redución de investimentos para a actualización dos catálogos de fondos das bibliotecas públicas ou no afogamento económico de asociacións, colectivos e institucións que desenvolven o seu traballo responsábel vinculado directamente co libro e a lectura.

"Deter unha ollada atenta na ampla e diversa programación do vindeiro Culturgal en que se poderá achar máis de unha proposta cultural atraente para todo tipo de público" 

Sen esquecer a teimosa invisibilidade social da palabra, imaxe e traballo de escrita de autoras e autores galegos na radio e na televisión pública en horarios populares, privados de merecidos planos e tempos que dean conta de quen recrea os nosos soños a través doutras vidas.

Este mapamundi carencial que preside hoxe o mundo do libro e da lectura contrasta co alto valor resistente das persoas creadoras, dinamizadoras, mediadoras e demandantes que seguen a procurar novos espazos e métodos alternativos para nos achegaren a palabra necesitada sempre de construír corpo e músculo colectivo.

E para quen custe de acreditar ou, á procura da fe humanista perdida, precise probas testemuñais, non terá máis que deter unha ollada atenta na ampla e diversa programación do vindeiro Culturgal en que se poderá achar máis de unha proposta cultural atraente para todo tipo de público entre un suculento menú servido en clave de debate, musical, literaria, audiovisual, formativa, gastronómica...

Con todo, comezabamos esta periódica relación articulista co paciente lectorado no recente Día das Librarías e por aí debemos continuar o fío argumental, para compartillar a nosa alegría e satisfacción ao comprobar que a Consellaría de Cultura e Educación, no acto de presentación do Calendario do Libro e da Lectura 2015, recupera a celebración do 24 de febreiro como o Día de Rosalía de Castro, inexplicábel e inxustificadamente eliminado deste calendario en 2014.

Benvida sexa sempre a xusta e necesaria rectificación, nomeadamente por parte de quen debe dar exemplo de respecto máximo polo patrimonio cultural dun pobo.

O obxectivo que di presidir a publicación e distribución deste Calendario do Libro e da Lectura é recoller “datas e efemérides vinculadas ao libro e á literatura galega co fin de poñelas en valor e animar os diferentes colectivos sociais a sumárense con actividades a estas celebracións”.

"A Consellaría de Cultura e Educación, no acto de presentación do Calendario do Libro e da Lectura 2015, recupera a celebración do 24 de febreiro como o Día de Rosalía de Castro, inexplicábel e inxustificadamente eliminado deste calendario en 2014".

Para alén de ser Rosalía de Castro autora fundacional da literatura galega contemporánea, a sociedade tena convertido na máis representativa escritora de noso, pois o binomio Rosalía-pobo é firme desde o coñecemento e o entendemento mutuo.

Desde o ano 2011 a AELG vén celebrando o 24 de febreiro, data do nacemento da autora, como o Día de Rosalía, organizando actos propios, mais sobre todo promovendo aqueloutros en que a participación activa da cidadanía é o auténtico motor de reencontro e homenaxe coa nosa poeta nacional.

Emprender e apoiar lecturas públicas da obra rosaliana, convidar ao agasallo dun libro en galego e unha flor, colaborar con colectivos socioculturais e veciñais, librarías e bibliotecas, para a celebración de actividades que volvan ao presente o pensamento e a palabra da poeta; propór aos concellos e deputacións a aprobación dunha moción de apoio ao Día de Rosalía con compromiso de realización de actividades que contribúan a ensanchar o coñecemento da súa obra ou implicar os centros de ensino do país para construír unha didáctica rosaliana actual, a través do audiovisual, a música ou o graffiti, foron algúns dos obxectivos conseguidos que se converteron en azos ilusionantes para continuar a favorecer o reencontro cunha autora que, con plena conciencia, procurou o inicio da restauración do uso escrito do noso idioma e o final de séculos de desprestixio, silencio e esquecemento.

A ampla receptividade e implicación institucional e colectiva que nos últimos anos a sociedade galega veu demostrando cara esta data, así como a constatación da ilusión coa que a cidadanía acolleu o Día de Rosalía con certeza ten sido unha petición clamorosa para a xusta e merecida restauración desta efemérede cultural que tanto nos abriga como pobo con orgullo e vontade de futuro.

Comentarios