Opinión

Re(m/v)irar o tempo

Calquera manual en que deitemos lectura ao redor da cruel e dramática posguerra galega, sinalará tres posíbeis destinos para o compromiso militante de acción galeguista, nacionalista e republicano previo ao 1936, nomeadamente para aquela arquitectura de país sedimentada na tríada das Irmandades da Fala, do Grupo Nós e do Seminario de Estudos Galegos.

A morte asasina represéntase en Alexandre Bóveda ou Ánxel Casal; o exilio como corpo sen alma en terra allea, en Castelao ou Suárez Picallo; a morte en vida suspensa na autocensura, na persecución e o medo como respiración asistida, en Otero Pedrayo ou Carvalho Calero.

Con todo, cómpre re(m/v)irar a historia e renomeala xunto ao coro de voces femininas construtoras e corpos destruídos das mulleres que, en paralelo, fixaron o pensamento democrático e padeceron castigos aínda máis envilecidos polo feito de seren mulleres.

A mestra asasinada Mercedes Romero, a costureira exiliada María Miramontes e a tamén docente encarcerada e represaliada Elvira Bao, xunto con centos de irmandiñas, reviraron a historia tomando a palabra en primeira persoa de plural para se afirmaren na súa identidade nacional na resposta a un “Manifiesto de la Asociación Nacional de Mujeres” que pedía a unidade das mulleres españolas fronte ás que “quieren independizar a Cataluña y Vasconia”.

A resposta das irmandiñas galegas é ben elocuente:

“Galicia no espera nada de Madrid, de sus gobiernos de pandillaje ni de su política torpe y mezquina. Ha vivido largo tiempo en el olvido y aún en el desdén, en la más absurda de las postergaciones (…) y hoy con sentido propio (…) pedimos el reconocimiento de nuestra personalidad y la soberanía autonómica”.

E o tempo da memoria colectiva, que é sementeira, ha ser tamén o noso milladoiro nesta primavera galega.

Comentarios