Opinión

O que é que a cultura galega precisa

Vivimos tempos de preguntas. Tamén para imaxinar respostas.

Como imaxinas a cultura galega da próxima xeración?

Estou segura de que concordamos en que a cultura galega representa un sector estratéxico para o desenvolvemento social e económico de Galiza.

Estou certa tamén de que concordamos en que ten marxe para crecer e semellarse aínda máis a economías en que a creatividade e o talento desempeñan un papel central. 

É tempo de oportunidades e ilusións. Por iso precisamos do compromiso decidido dun goberno galego que actúe como promotor, coordinador, catalizador, revulsivo e irradiador da cultura galega. 

Precisamos un goberno que viva a cultura desde dentro, que sinta a diversidade cultural pel con pel, que sexa cómplice das creadoras, que gañe espazos de diálogo, ponte de comunicación, man compañeira e leal que motive para o avance transformador cara ao futuro. 

Cómpre un goberno que abandone a hostilidade da indiferenza, a falta de imaxinación disimulada pola improvisación, a prepotencia das estratexias distantes, as actitudes tecnócratas e as poses oportunistas que toman as axentes culturais como decorado de roldas de prensa ou escusa de anecdóticos chíos.

A pandemia puxo en evidencia as debilidades do sistema e a necesidade de impulsar mudanzas estruturais.

Os sectores culturais galegos non son alleos ás consecuencias da pandemia como tampouco o serán ás transformacións que han vir.

As decisións que se adopten van trazar os camiños das xeracións vindeiras, marcarán o modelo de sociedade que está por vir, o papel da cultura na cohesión social, o que require da nosa máxima implicación e imaxinación á hora de mobilizar os recursos precisos, así como da capacidade de traballar para o acordo.

Precisamos confianza en nós mesmas e actitude propositiva encamiñada a elaborar un plan de reactivación sustentábel dos sectores culturais, en diálogo cos axentes e sectores representativos, para que a cultura sexa un dereito básico da sociedade, así como recurso económico que xera emprego e riqueza.

Precisamos ampliar até o 1% o orzamento da Xunta destinado á cultura, comprometer o 2% dos fondos Next Generation neste ámbito e impulsar a Lei do Fondo Cultural Galego, previsto no Estatuto de Autonomía e pendente de desenvolver, co obxectivo de alentar a creación, educar nos valores culturais de noso e xerar recursos a favor da nosa cultura.

Sería un erro que os fondos europeos acabasen nun proxecto pactado en mans alleas e sen contar coas pequenas e medianas empresas nin co tecido cultural galego.

Mirarmos pola cultura de base, pola cultura tradicional, pola cultura transformadora, que nace da raíz da nosa lingua viva, como construtores dunha nación milenaria culta e con identidade propia, con ollada aberta ao mundo.

Por iso nós respondemos as preguntas de futuro coa autoestima e o orgullo do que son, como galegas desta Terra, todas as Moraimas, Olaias, Sabelas e Aidas que non só están entre Nós, senón que veñen para quedar.

Comentarios