Opinión

Os puntais da casa común

Avanzamos cara ao fin da terceira semana de confinamento por causa da crise sen precedentes que está a provocar a COVID-19.

Imos aprendendo nas horas lentas a administrar novos silencios, medindo tempos con esquecidas doses de paciencia creativa, facendo conta das voces que xa non chegan, dos bicos e apertas suspensas no ar. Ao tempo, procuramos temerosamente o momento en que as cifras só certifiquen recuperación e vidas.

Mais cadaquén leva canda si o seu propio encerramento, ao igual que cando a vida é libre. Porque as gaiolas existen e acompáñannos en cada paso que damos, mesmo semellando actuarmos en liberdade.

A observación do que abruptamente nos sobrecolleu nestas semanas fíxonos reparar en como algúns colectivos profesionais que sufriron, na última década, baixo os grillóns do capitalismo depredador, un desequilibrio ameazante na súa condición laboral, forzados cara á precarización ou connotados cunha baixa estima de valoración social, son agora os puntais que sosteñen a cuberta da nosa casa común. E agora si, unhas dependemos das outras e a solidariedade fura nos camiños do egoísmo.

Estou a me referir ao colectivo sanitario, investigador, docente, ao sector do transporte, da limpeza, da produción e distribución alimentar. Colectivos de quen a hemeroteca falou tempo atrás dando voz pública á miseria programada polo capital que sacrifica o corpo do colectivo polo beneficio materialista individual.

O público é servizo. O privado é beneficio. Cantas veces coreamos en manifestacións multitudinarias unha realidade que agora se converteu en fenda abrupta baixo os nosos pés.

Cando este pesadelo, grazas ao esforzo do pobo, se supere, e recuperemos do desgaste físico e mental, este mesmo pobo terá que se pronunciar responsabelmente. E a min, mentres tanto, chégame cadora o eco dos versos do poeta Antón Avilés de Taramancos:

¡Non son un home: son un pobo,

e ninguén me pode domear!

Comentarios