Opinión

De Pontevedra a Laponia con Sarmiento

Descubrín con maior profundidade a personalidade e obra literaria de Frei Martín Sarmiento en 2002, grazas á decisión do plenario da Real Academia Galega de o recoñecer naquel 17 de maio e mais ao brinde da editorial Laiovento convidándome a preparar unha biografía divulgativa sobre este erudito padre beneditino, nado no Bierzo mais asentado en Pontevedra desde os catro meses, que finalmente editamos intitulado Frei Martín Sarmiento. O inicio da recuperación da conciencia galega.

Non sei falar, senón como penso. Non sei escribir, senón como falo
Frei Martín Sarmiento

Descubrín con maior profundidade a personalidade e obra literaria de Frei Martín Sarmiento en 2002, grazas á decisión do plenario da Real Academia Galega de o recoñecer naquel 17 de maio e mais ao brinde da editorial Laiovento convidándome a preparar unha biografía divulgativa sobre este erudito padre beneditino, nado no Bierzo mais asentado en Pontevedra desde os catro meses, que finalmente editamos intitulado Frei Martín Sarmiento. O inicio da recuperación da conciencia galega.

A medida que nos achegabamos ao traballo intelectual do noso frade bieito, decatámonos do inxente labor en soidade, levado a cabo discretamente, na súa cela conventual, que mesmo superou os tres mil pregos, así como da súa dedicación e entendemento de temas ben dispares, que abranguen o plano lingüístico, artístico, sociopolítico, económico, botánico, histórico, etc.

"Na procura do renacemento normalizador, as palabras de Sarmiento seguen a iluminaren o noso presente"

A permanente reticencia ante a idea da publicación da súa obra que os amigos tanto demandaban, amparou, probabelmente, o ensombrecemento e a escasa divulgación que sempre encubriu a obra sarmentiana. Se callar tamén explique o descoñecemento e a ignorancia en que aínda vivimos ou que, para maior agravio, poida pretender xustificar, a nivel institucional, a vontade de abandeirar pensamentos e avalar posturas ideolóxico-lingüísticas ben contrarias aos postulados da personalidade ilustre que lles dá o nome e o brillo intelectual de quen foi autoridade no seu tempo.

Efectivamente, como xa terán caído na conta, estamos a falar das recentes declaracións do director da revista Cuadernos de Estudios Gallegos, editada polo Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento, ao ser consultado pola razón para non asumir o galego como lingua visíbel no nomenclátor da revista, cando si é unha lingua significada no seu interior, xunto co inglés, portugués, francés, alemán e castelán. Segundo informaron algúns medios, a causalidade é ben simple, sería un problema que afectaría ao prestixio da revista, un risco que non paga a pena asumir, perderíase demasiado. Así pois, calquera concordaría que para o impecábel avance dos estudos e investigacións de Historia, que na actualidade publica preferentemente esta revista, a mudanza do seu titular Cuaderno de Estudios Gallegos polo de Caderno de Estudos Galegos podería alterar gravemente os designios comprensivos do rumbo da Historia, da vivida e da aínda non nata. 

Non vaia ser! Toda precaución é pouca!

A preocupación e insistencia no estudo lingüístico ao longo da obra sarmentiana convérteo nun auténtico magister linguae, quer no ámbito da súa vocación pola descuberta etimolóxica das palabras quer pola vontade recompiladora de vocábulos e análise investigadora dos mesmos que ratifican o carácter rigoroso enciclopedista do seu labor. 

O galego é obxecto de máxima atención constante para Sarmiento até se converter, a contrafío do pensamento dominante na altura, en voz denunciadora e conciencia crítica da Ilustración, ao defender a equiparación do galego como lingua vinculada ao latín, como lingua viva e, xa que logo, ao servizo dunha comunidade lingüística, posuidora dunha tradición literaria culta remontada a varios séculos atrás, testemuñando a nosa tradición manuscrita no seu encontro cos códices medievais.

"A asunción dun papel concienciador para co idioma galego, dirixido tanto aos desleixados do propio país canto aos ignorantes alleos, converten Sarmiento nunha autoridade fóra do tempo"

A súa prédica apunta para a defensa valorativa da lingua oral fronte á escrita, a observación da esencia do vocabulario patrimonial, a relación de igualdade entre o galego e o castelán como linguas nadas do mesmo tronco común latino, a defensa da diversidade lingüística fronte ás correntes favorábeis a unha lingua universal ou a defensa da lingua propia como instrumento de aprendizado máis útil para o alumnado galego, polo que Sarmiento eleva a proclama reivindicativa do uso social do idioma nas escolas galegas, outorgándolle suma responsabilidade á figura docente.

En definitiva, a asunción dun papel concienciador para co idioma galego, dirixido tanto aos desleixados do propio país canto aos ignorantes alleos, converten Sarmiento nunha autoridade fóra do tempo, en tanto que adiantado ao pensamento imperante e de moda na época, que o determinou como un referente único que prepararía o camiño cara á nova etapa de renacemento literario que se xestaría no século XIX.

Onte, coma hoxe, na procura do renacemento normalizador, as súas palabras seguen a iluminaren o noso presente e, coma el, apelamos aos galegos desidiosos a que miren pola súa lingua nativa pois se a saben e penetran ben, saberán máis cousas eruditas e curiosas con ela que con ningunha outra lingua.

Penetrarán mellor a castelá, terán máis gosto na latina e faránselles máis doadas a francesa e a italiana.
Tamén coma el acreditamos en que toda a argumentación burlesca, enredosa e acomplexadamente desleigada contra o galego é filla da inveterada e perniciosa aversión que aquí padece a nación galega, coma se fose lapona.

Eis a interpretación que semella alimentar o substrato programático cultural do Concello da Coruña ao destinar 150.000 euros do orzamento municipal en que, non exenta de esforzo, colabora a cidadanía, para converter a solemne Praza de María Pita, por segundo nadal consecutivo, nun poboado lapón.

Comentarios