Opinión

Poñer o acento

Anda na moda a lingua galega. Ou iso semella cando a realidade trascende as pantallas para pór o acento nun anecdotario doado de esquecer pola inmediatez informativa.

Recuando no tempo, como a lingua galega mesma, asistimos a un calendario que nos coloca no espello da realidade sociolingüística galega a vista de propios e alleos. Da insignificancia á irrelevancia.

Estes días o foco mediático alporizouse, primeiro, pola parodia do noso acento alimentado de clixés adobiados de suculentas doses de ignorancia. Desprezarnos como comunidade lingüística, desde a mofa ridícula de si propios, ao tempo que se infrinxen as normativas de pesca e marisqueo elevou ao cadrado a súa prepotencia.

Pouco antes foran as declaracións de Pedro Sánchez quen anunciaba un proxecto estratéxico capaz de xerar oportunidades de negocio baseado no español como “idioma común”, arrombando as outras linguas oficiais, como o galego, que deben ser linguas divisoras (non de dibidendos) e de oportunidades de calderilla. E facíao nun lugar tan imaxinario como irreal: La Toja. Desta volta o seu supremacismo permitíalles incumprir a Lei de normalización lingüística a respecto do nomenclator da toponimia galega, así como a sempre irrebatíbel Constitución cando amenta o carácter plurilingüe do Estado.

O supremacismo permitíalles incumprir a Lei de normalización a respecto do nomenclator da toponimia galega

O silencio incomprensíbel de Siri levara días antes Moraima a se reivindicar na súa lingua: “eu falo galego”. Mais é ben difícil explicarlle a Morarima por que o seu mundo de relacións nin lle fala o seu idioma propio nin a entende. Como imposíbel será explicarlle que a escola á que se incorpora non sexa quen de acompañala, nin a ela nin á súa familia, como galegofalante inicial.

Porque non hai froito sen raíz, tampouco hai lingua sen falantes. Velaquí onde cómpre poñermos o acento.

Non se trata de opinións persoais, valoracións particulares, experiencias individuais ou intereses partidarios alarmistas. O proceso de substitución lingüística xa está testado por dous informes coordinados pola Real Academia Galega.

O pasado mes de abril coñeciamos que, mentres que o alumnado galegofalante amosa un dominio similar nos dous idiomas oficiais, o 35% do alumnado castelanfalante remata a ESO cunha escasa competencia en galego, o que, para alén de pór en cuestión a organización curricular e didáctica trazada desde o goberno galego, delata o incumprimento dos obxectivos da Lei de normalización lingüística de 1983: acadar a plena competencia nas dúas linguas oficiais.

Fan falta liñas de intervención eficaces para reverter o efecto desgaleguizador da escola, e dos seus ámbitos asociados

Estes días pasados coñecemos un novo estudo, o Mapa sociolingüístico escolar de Ames, cuxo resultado verifica que o proceso de substitución lingüística se acelerou e adiantou da educación secundaria á infantil. A escola é hostil ao galego: non afianza as crianzas galegofalantes nin incorpora as castelanfalantes, polo que persiste no seu papel desgaleguizador.

A evidencia dos estudos científicos, nin antes nin agora, ten provocado no goberno de Feixóo a máis mínima autocrítica das consecuencias devastadoras da súa política lingüística conducente a patrocinar a seca progresiva das raíces máis novas.

As conclusións desta investigación apuntan a necesidade de poñer en práctica liñas de intervención eficaces para reverter o efecto desgaleguizador dun dos principais contextos de socialización do alumnado, a escola, e dos seus ámbitos asociados. A resposta do goberno do Partido Popular na Xunta non atura máis silencios conniventes con esta derrota que teiman en facer colectiva cando é exclusivamente súa.

A esperanza segue a ser facho prendido contra a nosa irrelevancia. As actitudes da maioría da sociedade son positivas e favorábeis ao galego como lingua viva e de futuro. A todas elas nos sumamos porque acreditamos e traballamos para gañar unha nova Galiza con futuro desde as primeiras palabras, desde as primeiras letras.

Comentarios