Opinión

Penúltimas tendencias ou como (non) estar á última

Confeso, aínda que comprenderán que o escenifique en modo laico, que de pequena, unha nena do barrio coruñés dos Mallos-Estación, sempre pensaba que existían dúas Coruñas, moi próximas, mais dúas Coruñas.

Confeso, aínda que comprenderán que o escenifique en modo laico, que de pequena, unha nena do barrio coruñés dos Mallos-Estación, sempre pensaba que existían dúas Coruñas, moi próximas, mais dúas Coruñas. 

Explicarei esta miña aparente desorientación espacial.

"Ela decide pór a funcionar o cerebro, escoitar a voz da conciencia que a reafirma como un bichiño raro, descrida da bóla máxica da Superpop, escéptica ante os modelos uniformes prefabricados e atea renegadora dos templos de manequíns sen cabeza". 

A avoa Mercedes, en aproveitando algunha cíclica viaxe obrigada á Coruña desde A Laracha para acudir a unha revisión médica, completaba a xornada, inhabitualmente desprazada do seu mostrador de carniceira en horario continuado, baixando á Coruña mercar “género”, é dicir, diferentes teas por metro coas que confeccionar mandís para o labor, roupa de vestir para unha ocasión ou para a misa do domingo ou ben para os lenzos que ían completando o enxoval familiar do armario da roupa branca da casa cuxas iniciais gravadas á man ZI (Zas Iglesias) aínda nos acubillan protectoramente tres xeracións despois.

As penúltimas tendencias visitadas daquela, ao longo das avenidas de Garás e Santo Andrés principalmente, tamén pola Rúa Real, resolvían as necesidades básicas da avoa, non as facían nacer nin moito menos medrar como abono dependente.

Nese pequeno comercio do centro da cidade, a avoa Mercedes arranxaba a vida, sempre co procurado parecer de miña nai e a atenta mirada da neta perante o seu máxico proceder na hora do pagamento da compra: encamiñar a man dereita ao escote do vestido de alivio e soltar os primeiros botóns para procurar o acubillo da morniña faldriqueira entre os peitos protectores. O bolso? Levábao, si, mais de paseo e só para aparentar en cada unha daquelas esporádicas xornadas de compras na Coruña, naqueloutra Coruña da miña planimetría familiar da infancia.

Mudaron actitudes e comportamentos desde aquela, mudou (ou mudaron?) o Mercado, seica para nos converter en persoas modernas e á última, e agora as penúltimas tendencias teiman en ser centro de gravidade e ansia das nosas vidas. 

E esta cidade comercial, antes saudada man a man e contada a ambas as dúas caras dun cordial e familiar pequeno mostrador, viuse camuflada en superficial superficie comercial -curiosa cacofonía intencionada- conxugadora de prefixos e identificativos cada vez máis etéreos para as relacións humanas -super, hiper, macro, centro, área- mais sempre dianas para presumir por aí fóra de metros cadrados -A Coruña ten un centro comercial por cada 3 km2, sentenciaba un xornal coruñés hai un tempo-, mesmo tendo rematado xa algún en fantasmagórico depredador.

Velaquí o espazo da irracionalidade compulsiva observada á vontade por unha chica out que concede centralidade vertebradora aos poemas de escrita arriscada de Carlos Negro. 

"Non ser Barbie girl para ser larva en permanente muda; non ser Fashion nin Cool nin Sexy para ser ovella negra; non ser simplemente Chic para poder ir máis alá; non encoveirarme nun Casual look para brillar coa chupa negra".

Fronte ás greas humanas cargadas de bolsas nos brazos, nomedamente mozas, mais xa non unicamente porque non é permitido a ninguén ficar á marxe da mercantilización, camiña a protagonista deste libro, a voz que quere ser dona de si propia para determinar cales son as penúltimas tendencias antes de permitir ser desafiuzada do seu corpo e da súa alma por pitonisas da moda imposta. 

Velaquí o combate asentado na dualidade permanente que confere a voz da dúbida, da inseguridade en evolución para a construción do EU: o ser /vs/ o parecer; o impulso seguidista /vs/ o paso contido e razoado; medir o corpo de muller en quilos e centímetros /vs/ valorar o seu pensamento e opinión; interrogar incomodamente /vs/ acatar respostas manipulad(or)as.

Máis aló do universo rosa, propio da hiperirreal Barbie, co que tapar convencionalmente fendas e cicatrices perante o que dirán, Ela decide pór a funcionar o cerebro, escoitar a voz da conciencia que a reafirma como un bichiño raro, descrida da bóla máxica da Superpop, escéptica ante os modelos uniformes prefabricados e atea renegadora dos templos de manequíns sen cabeza. 

Ela decide Ser!

Ela sabe que cómpre ir máis aló, abrir fendas no imperturbábel álbum de tendencias que outros pensan por e para nós, tomar voz propia que rache os silencios consentidores de tallas que nunca cesan de diminuíren para os nosos corpos e quebre os espellos deformadores de cada EU propio, singular e inviolábel.

A voz de calquera moza adolescente medra nos versos de Penúltimas tendencias. 

Eu como son, nunca contra min mesma, mais si contra esa que outros queren modelar. Eu activa para atravesar o espello, desde a fortaleza e a seguridade. Eu transgresora dos clixés femininos secundarios e dependentes dos contos tradicionais para xogar a ser NON princesa. Eu decisiva para escolmar o que quero, a quen quero e como quero. Eu insubordinada para me rebelar contra un modelo masculino estereotipado que non me acepta diferente aos corpos mudos dos escaparates e revistas retocadas con photoshop.

Eu, con voz propia, representada nun novo imaxinario versificador compartido con lingua propia e ben solta. Non ser Barbie girl para ser larva en permanente muda; non ser Fashion nin Cool nin Sexy para ser ovella negra; non ser simplemente Chic para poder ir máis alá; non encoveirarme nun Casual look para brillar coa chupa negra. Non me deixar devorar nin polo significante nin polo significado das palabras calculadoramente frías.

Blindar o meu corpo, a miña lingua, o meu cerebro, desas penúltimas tendencias globalizadoras para a dependente uniformización.

E aínda nos preguntamos o porqué? Un poema-chío de Twitter esclarécenolo todo:

Nunca me pintes costuras nos labios :-(

Comentarios