Opinión

Para setembro

Voltei ao instituto por primeira vez desde o comezo do confinamento. Recoñezo que non había pés que me levasen. Sabía que non ía estar todo igual, porque xa nada pode ser igual despois de case tres meses de abrupto distanciamento educativo ademais de social.

Os corredores longos e fríos semellaban termar dun cadaleito de sombras en silencio, ocultando a cadencia de voces adolescentes embarulladas ao ritmo dun timbre marcial.

As aulas como arterias gardaban ermas as rexoubas das materias como interrogantes en espera.

Un corpo sen alma. Un continente sen contido. Unha construción oca e presa de toda comunicación.

O proxecto "Donas de si" apenas se sostiña en pé na entrada que recibe a comunidade educativa entre aséptico aroma desinfectante.

Avolveume a lembranza queda no piso daquelas alumnas curiosas que me pediran unha entrevista interesadas polo meu traballo e visión do mundo como muller.

Revivín aquel encontro apurado nos vinte escasos minutos dun recreo como unha confesión e reafirmeime na necesidade irrenunciábel de rehab(li)itar a escola de palabras, encontros e afectos.

Precisamente agora no momento en que máis desasistida estivo para familias, alumnado, profesorado, equipos directivos, departamentos de orientación, titoras...

Marcha o curso do desacougo, da incerteza, da improvisación, da caótica resolución profesional, do desamparo político oficial, mais sobre todo da descuberta da auténtica radiografía social, aquela que nunca rexistramos cando cruzamos a porta do instituto, a mesma que cada alba abre de par en par e en igualdade para todas.

Deberiamos estar a pensar e falar do vindeiro curso, mais isto non merece tempo nin titulares. O importante son os turistas deslocados irresponsabelmente a faceren caixa que o verán son dous días e a educación aínda pode agardar pola convocatoria extraordinaria de setembro!

Comentarios